A Xunta e a Deputación reforzan a sua colaboración en prevención de incendios
Dentro do Plan de formación que ten en marcha a Consellería, unha das medidas céntrase en instruír aos traballadores adscritos á Administración Local que participan no operativo de extinción
O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza de traballo co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, para reforzar a colaboración de ambas entidades en materia de prevención de incendios forestais. Así, trátase da primeira reunión do conselleiro dentro da rolda de contactos que manterá con todas as deputacións provinciais para abordar a prevención de incendios forestais na Comunidade.
Neste senso, lembrou que a de Ourense foi a única deputación galega que aceptou colaborar en materia de incendios forestais o pasado ano, a pesar de que a normativa reguladora das Bases de Réxime Local contempla, entre as competencias das deputacións, a prevención e extinción de incendios naqueles concellos de menos de 20.000 habitantes.
Por iso, José González agradeceu novamente esta colaboración institucional e aproveitou a ocasión para enxalzar a intervención de medios municipais en labores de prevención e extinción. Así, manifestou a intención da Xunta de reforzar a formación destes profesionais, co fin de sumar sinerxías e reforzar o traballo conxunto do dispositivo. Neste senso, lembrou que dentro do Plan de formación que ten en marcha a Consellería, unha das medidas céntrase en instruír aos traballadores adscritos á Administración Local que participan no operativo de extinción, para que poidan desenvolver as súas funcións contando coa adecuada cualificación profesional e coordinados cos medios dispoñibles a nivel autonómico.
Tamén relativo á prevención, o conselleiro e o presidente da Deputación fixeron fincapé na importancia de seguir financiando conxuntamente a adquisición de tractores e rozadoiras aos concellos, para que poidan realizar labores de limpeza de matogueira nos seus respectivos territorios. Nesta liña, o conselleiro matizou que en cuestión de prevención de incendios todas as institucións teñen obrigas e sumando esforzos conseguirase minimizar os efectos dos lumes na nosa comunidade.
Así, cabe lembrar que a Xunta e a Deputación de Ourense financiaron no ano 2020 a compra deste tipo de maquinaria para a prevención dos lumes cun total de 900.000 euros, aportados ao 50% por cada administración. Grazas a iso, fomentouse o mantemento e limpeza da maleza nas infraestruturas rurais de titularidade municipal e nas masas comúns das concentracións parcelarias que son do concello, así como a xestión da biomasa nas redes secundarias de faixas de xestión en terreos de titularidade municipal ou descoñecida. Precisamente, a Xunta cedeu máis dun centenar de tractores aos concellos galegos, co obxectivo de axudalos a levar a cabo tarefas de prevención de incendios forestais. A iniciativa tamén beneficiou mancomunidades e distritos forestais.
Doutra banda, ambos dirixentes abordaron tamén a posibilidade de renovar o acordo entre ambas partes que facilita que a Deputación realice, co seu propio parque de maquinaria, tarefas de prevención de lumes, tales como áreas de devasa e mantemento de pistas e camiños que atravesen as zonas de actuacións de xestión de biomasa. Uns traballos que guiaría a Consellería do Medio Rural co obxecto de potenciar a prevención fronte o lume.
Recuperación da terra agraria
Noutra orde de cousas, o titular de Medio Rural e o presidente da Deputación abordaron a futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que actualmente está en tramitación no Parlamento galego. Así, José González destacou que esta norma recolle o marco xeral para a xestión da terra agroforestal, a súa ordenación de usos e o fomento da súa recuperación, co fin de poñer a producir as terras arestora abandonadas e infrautilizadas e de aportarlle base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, promovendo a continuidade das explotacións e a boa xestión das terras que as conforman. Todo isto, matizou o conselleiro, fará posible anticiparse aos lumes forestais, traballar pola recuperación demográfica e polo asentamento no rural e mellorar, en definitiva, a calidade de vida da poboación.
Precisamente sobre os distintos instrumentos de mobilización de terras que recolle esta norma, o conselleiro puxo en valor as nove aldeas modelo aprobadas na provincia, as cales buscan recuperar de xeito sustentable terra abandonada arredor dos núcleos de poboación creando actividade agrogandeira e, polo tanto, devasas naturais para -novamente- anticiparse aos incendios. Precisamente, nas aldeas de Osmo (Cenlle), Infesta (Monterrei), Xacebáns (Quintela de Leirado) e Penedo (Boborás) xa contan con gando porcino celta, cabrún e ovino que manteñen rozadas as contornas das aldeas.
Do mesmo xeito, o titular de Medio Rural subliñou o peso dos polígonos agroforestais, que permitirán reestruturar a propiedade e poñer a producir áreas de terra agraria abandonada ou infrautilizada e con boa capacidade produtiva, por iniciativa da administración ou de particulares. No caso da provincia de Ourense, xa están en
marcha os dos concellos de Cualedro e Oímbra, cos que se espera mobilizar unha ampla superficie para diversas producións.
Ademais, o conselleiro trasladou que na provincia ourensá tamén se prevén outros catro polígonos para a plantación de viñedo, que se localizarán nos concellos de Carballeda de Avia, A Arnoia, Castrelo de Miño e Leiro, dando así resposta á demanda da Denominación de Orixe Ribeiro, no sentido de impulsar a recuperación de terras e a ampliación de superficie para o cultivo de viñedo na bisbarra.
Así mesmo, sinalou que están en diferentes fases de identificación e caracterización outros tantos polígonos agroforestais para a produción de viñedo nas outras tres denominacións de orixe galegas presentes na provincia, que abranguerían no seu conxunto un total de 500 hectáreas.