Xunta de Galicia

A Xunta defende o modelo éolico actual en Galicia

O Goberno galego traballa para dar prioridade a aqueles proxectos que destinen, cando menos, un 50% da enerxía que produzan a unha industria asentada en Galicia.

Óscar Gómez

Ourense | 16.06.2022 08:03

A Xunta defende o modelo éolico actual en Galicia | onda cero

Francisco Conde informou de que a Xunta de Galicia rexeitou nos últimos anos un total de 149 proxectos eólicos que suman preto de 7500MW. Segundo explicou Conde, desde 2020 entraron en servizos seis parques e unha repotenciación (92MW) e autorizáronse 17 (357MW), impulsando un modelo ordenado, garantista, sustentable e respectuoso co medio ambiente.

Conde insistiu en que “tramitar non significa autorizar”, senón cumprir coa legalidade, polo que os proxectos rexeitados, arquivados ou informados negativamente foron descartados por estar fóra das áreas de desenvolvemento eólico ou en espazos de Rede Natura ou por solapamentos con parques existentes, entre outras causas. Así, o 77,5% do territorio está blindado fronte aos eólicos.

O vicepresidente económico defendeu o modelo eólico galego -trátase dunha das tres comunidades autónomas que dispón dun instrumento de ordenación-. Un modelo que é ordenado e garantista -a Xunta estableceu unha moratoria ata o 30 de xuño de 2023 para tramitar os 275 expedientes recibidos e contratou 70 profesionais para realizar unha adecuada avaliación dos proxectos, un traballo baseado na transparencia-; sustentable e respectuoso co patrimonio e o medio ambiente -estase exixindo unha avaliación ambiental ordinaria para todos os proxectos eólicos-; e xerador de emprego e riqueza.

Neste sentido, Conde explicou que o modelo eólico xera un retorno anual de 117 millóns de euros que repercute nos propietarios dos terreos, nos concellos e nos ingresos tributarios É dicir, contribúe ao desenvolvemento de proxectos para protexer espazos naturais, mellorar servizos, aumentar a eficiencia enerxética, comprar vehículos máis eficientes ou para a realización de obras para a integración paisaxística.

Conde tamén lembrou que se está a traballar para dar prioridade a aqueles proxectos que destinen, cando menos, un 50% da enerxía que produzan a unha industria asentada en Galicia, unha normativa que manterá o mesmo nivel de protección ambiental e que, ademais, será clave no futuro de empresas estratéxicas como Alcoa.

No que respecta aos parques que se están tramitando nas zonas de Baiona, Oia, Tomiño Gondomar e o Rosal, Conde lanzou unha mensaxe de tranquilidade, pois estase actuando coa máxima transparencia e a decisión final dependerá exclusivamente de se se axustan á lei.