A Xunta convoca un concurso de ideas para construción da nova delegación territorial
Diego Calvo, presentou co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, os traballos previstos para unificar as sedes administrativas da Xunta na cidade ourensá.
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou que a Xunta vén de publicar na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia o concurso de ideas para a construción dunha nova delegación territorial do Goberno galego en Ourense que unificará as sedes administrativas da cidade e albergará 10 departamentos autonómicos.
No acto, no que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, explicou que o concurso, levado a cabo no marco do convenio asinado o pasado xullo co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) permitirá escoller a mellor proposta que definirá o proxecto desta infraestrutura. A idea gañadora servirá de base ao proxecto técnico, básico e de execución. Trátase dun concurso de ideas con intervención de xurado a nivel de anteproxecto coa finalidade de obter un maior número de propostas para unha avaliación máis completa fomentando a participación do sector.
Esta actuación suporá un investimento de máis de 25 millóns de euros por parte do Goberno galego continuando co labor de dotar ás infraestruturas administrativas da Xunta para de instalacións que garantan óptimas condicións de traballo dos empregados públicos e, ao mesmo tempo, a prestación dos servizos públicos á cidadanía.
Canto ao programa de necesidades a desenvolver, os pregos do concurso recollen que na superficie construída total de case 28.000 metros cadrados haberá unha zona de persoal con capacidade para máis de 900 postos de traballos, xunto con outra área destinada a usos complementarios -oficina de correos, aula de formación, salón de actos...-, ademais do arquivo, o aparcadoiro e os almacéns previstos nas plantas do soto. As bases deste concurso de ideas poden consultarse na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia e o prazo de presentación dos traballos será de aproximadamente un mes, finalizando o próximo 2 de novembro.
Os gañadores recibirán un premio de 75.000 euros; o segundo premio, 60.000 euros; o terceiro, 50.000; o primeiro accésit, 30.000 euros; e o segundo e terceiro accésit, 25.000 euros en cada caso. Ademais dos 265.000 euros reservados para os premios destinarase 1 millón de euros á redacción do proxecto definitivo e á dirección das obras.
A Xunta leva actuando nos edificios administrativos da Xunta con actuacións como, por exemplo, a rehabilitación levada a cabo no antigo edificio administrativo do Goberno galego na rúa Benito Corbal de Pontevedra ao convertelo en sede de distintas asociacións, do mesmo xeito que se fará no edificio dos xulgados da rúa Lalín de Vigo unha vez rematado o traslado da Cidade da Xustiza.
No que se refire só a melloras en infraestruturas administrativas relacionadas coa mellora da eficiencia enerxética, a Administración autonómica investiu máis de 17 millóns de euros desde 2015. Nesta liña, neste ano finalizaranse obras no edificio administrativo da Delegación Territorial de Lugo, cun investimento de máis de dous millóns de euros. Ademais, neste exercicio arrincarán as actuacións nos edificios administrativos das delegacións territoriais de Ferrol e da Coruña, ás que se destinarán máis de tres millóns de euros.