Ourense Provincia

A Xunta convoca as axudas para o fomento das razas autóctonas galegas

As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica, sendo o prazo de presentación dun mes contado dende o 3 de Xaneiro.

Óscar Gómez

Ourense | 02.01.2023 10:30

A Xunta convoca as axudas para o fomento das razas autóctonas galegas | onda cero ourense

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para o fomento das razas autóctonas galegas no ano 2023, cun orzamento de 220.000 euros, un 10% máis que na convocatoria pasada.

Esta liña de achegas ten como finalidade aumentar a rendibilidade das explotacións gandeiras galegas e modernizar o sector en materia de xenética, sanidade e produción animal. Tamén busca unha mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades neste tipo de producións, xa que as razas autóctonas son un claro exemplo de recurso xenético fundamental na preservación de ecosistemas e pastos.

Os beneficiarios potenciais destas axudas son as organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas que estean oficialmente recoñecidas para a xestión dos libros xenealóxicos das respectivas razas pola comunidade autónoma galega.

As actuacións a subvencionar son a creación ou mantemento de libros xenealóxicos, incluíndo os gastos derivados da súa actividade, os do local ou oficinas, a actualización, adquisición e mantemento de ordenadores e material informático, así como a contratación e gastos de persoal técnico e administrativo. Tamén serán subvencionables os gastos que se deriven do desenvolvemento do programa de mellora oficialmente aprobado para a raza, no que se recollerán as actividades destinadas á conservación in situ da mesma, así como a creación e mantemento de bancos de xermoplasma en centros autorizados oficialmente e as probas destinadas a determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando.

Tal como se establece na convocatoria, o prazo para solicitar estas achegas é dun mes, contado a partir de mañá, e as solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía telemática a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/portada).

Enlace á orde no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230102/AnuncioG0426-301122-0003_gl.html