Comercio

A Xunta colabora nunha nova edición dos "días azuis"

As persoas que merquen no comercio de proximidade galego nestas datas poderán participar no sorteo de 64 tarxetas prepago de 150 e 250 euros para comprar novamente nestes establecementos.

Óscar Gómez

Ourense | 03.06.2021 08:13

A Xunta colabora nunha nova edición dos "días azuis" | onda cero

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou en Santiago de Compostela na presentación dunha nova edición da campaña Días Azuis do comercio galego, organizada pola Federación Galega de Comercio, Xunta de Galicia e Abanca, e que se celebrará do 7 ao 30 de xuño co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade.

Na súa intervención, o director xeral destacou que durante estas semanas o obxectivo da campaña é visibilizar os establecementos que están a pé de rúa e dinamizar o comercio de proximidade, máis despois dun ano difícil provocado pola chegada da covid-19. Neste sentido, animou aos galegos e galegas a comprar e apoiar a actividade deste tipo de locais ao longo de todo o ano.

Entrega de un premio dos "días azuis" | onda cero

Os clientes dos comercios que realicen as súas compras entre estas dúas datas deberán rexistrar o seu tícket en www.diasazuis.com, ou ben solicitar que a rexistre o propio comerciante. Entre todos os participantes sortearanse un total de 12.000 euros en 64 tarxetas prepago: 24 de 250 euros e 40 de 150 euros, que deberán ser utilizadas polos gañadores nos establecementos tradicionais galegos antes do 30 de xuño do próximo ano. O sorteo, ante notario, realizarase o vindeiro 5 de xullo.

A iniciativa enmárcase no Plan de medidas específicas de apoio ao comercio de Galicia que a Xunta está a desenvolver para facilitar a dixitalización do sector e incentivar o consumo. É o caso do Bono Activa Comercio, que ofrece 30 euros de desconto para compras en establecementos locais, podendo chegar a 330.000 clientes en toda Galicia.