Economía

A Xunta avoga por un sector eólico ordenado en Galicia

Conde subliña que a prioridade do Goberno galego é procurar o necesario equilibrio entre o desenvolvemento industrial e o respecto ao medio ambiente

Óscar Gómez

Ourense | 27.05.2021 08:11

Parque eólico | Onda Cero

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, ratificou a aposta da Xunta por impulsar un desenvolvemento do sector eólico en Galicia garantista e ordenado. Nese sentido, subliñou que a prioridade do Goberno galego é procurar o necesario equilibrio entre o desenvolvemento industrial e o respecto ao medio ambiente.

No Pleno do Parlamento, Conde remarcou que todos os proxectos eólicos se someten a unha adecuada avaliación das súas repercusións de acordo co disposto na normativa vixente en materia de avaliación ambiental, que é a mesma en Galicia que no resto de España. Un procedemento no que está garantida a participación pública e a intervención de todos os órganos afectados para poder determinar con fundamentos obxectivos a súa compatibilidade; polo que non se aproban proxectos que non contan coas máximas garantías técnicas, xurídicas e ambientais.

Segundo dixo, a Lei de Reactivación Económica de Galicia impide implantar parques fóra das áreas incluídas no Plan Sectorial Eólico, a excepción de proxectos que teñan clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social e posúan unha función vertebradora no territorio. Con este instrumento normativo xa foron informados negativamente 35 proxectos que tramita o Goberno central na Comunidade, que suman unha potencia total de 2.632,2MW.

O vicepresidente económico lembrou que desde 2009 en Galicia non se permite a autorización de proxectos eólicos nos espazos declarados como zonas de especial protección dos valores naturais para formar parte da Rede Natura 2000. Na mesma liña, apuntou que esta prohibición foi referendada en 2014, coa aprobación do Plan Director da Rede Natura 2000, sinalando expresamente como actividade prohibida a implantación de novos parques eólicos nestas zonas. Ademais, indicou que a Xunta

está a elaborar unha nova proposta técnica de declaración de novos lugares de importancia comunitaria para os hábitats de turbeira, que poderían abranguer entre 20.000 e 30.000 hectáreas.

Por outra banda, co fin de actuar coa máxima transparencia e involucrando os concellos, precisou que a Xunta creou a Rede de Información Provincial para que, antes de proceder á preceptiva exposición pública dos proxectos eólicos, desde as xefaturas provinciais da Administración autonómica se poida dar información de primeira man aos concellos nos que os promotores propoñen a súa implantación. Terán especial prioridade os proxectos considerados como iniciativas empresariais prioritarias neste sector.