A Xunta avalía a situación na fronteira portuguesa e o impacto do seo peche na Eurorrexión
O Goberno galego apoia que se manteñan abertos o maior número de pasos fronteirizos posibles e se teñan en conta as peculiaridades das áreas fronteirizas coas garantías e os controis de mobilidade necesarios
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou nunha reunión co presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), Antonio Cunha, e representantes das Agrupacións Europeas de Cooperación rdinación Territorial (AECTs) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para abordar o impacto do peche da fronteira a ambos lados da “raia”.
O Goberno galego defende que se manteñan abertos o maior número de pasos fronteirizos posibles co obxectivo de facilitar o tránsito de traballadores transfronteirizos e de mercadorías evitanndo así aglomeracións nos pasos que están abertos e percorridos máis longos. Deste xeito, a Xunta pide que se teñan en conta as particularidades das áreas da fronterira pero sempre dentro das dispoñibilidades de vixilancia, levando a cabo as limitacións da mobilidade e os controis que sexan necesarios para frear a propagación da pandemia e garantir a seguridade dos cidadáns.
Na actualidade aínda permanecen pechados 20 dos 27 pasos pero nas últimas semanas o Goberno de Portugal foi abrindo varios de forma progresiva, o que repercutiu de forma positiva na atención das necesidades a ambos lados da fronteira. Así, mantense abertos de forma continuada desde o inicio deste segundo peche de fronteira o 31 de xaneiro os pasos de Tui-Valença e Chaves-Verín, aos que se sumaron a mediados de febreiro os de Arbo-Melgaço, Salvaterra-Monção e Montalegre-Baltar,
aínda que só algunhas horas por día. Ademais, desde o pasado luns abríronse dous novos pasos, os de Vinhais -A Mezquita e Ponte da Barca-Lobios, tamén con limitacións horarias.
No encontro abordouse a importancia de continuar coa implementación do Plan de Reactivación da Cooperación de Proximidade na Fronteira do Norte de Portugal con Galicia. Un dos seus obxectivos é actuar de forma coordinada para conseguir que os fondos europeos de recuperación e resiliencia presten unha atención especial ás áreas de fronteira. Por iso, as AECTs e os concellos da raia están a traballar en iniciativas que poidan ser financiadas con estes fondos relacionados con ámbitos como a mobilidade transfronteiriza ou a creación e recuperación de infraestruturas medioambientais a ambos lados da fronteira.
Na xuntanza virtual tamén se aboraron os avances no Plan de Investimentos Conxuntos (PIC) para o período 2021-2027 , un documento que apostará por unha Eurorrexión na que se prime a innovación, a ecoloxía, a cohesión e o desafío demográfico e que está previsto que sexa aprobado no Plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal.
O PIC vixente do periodo orzamentario 2014-2020 permitiu situar á Eurorrexión como a primeira en captación de investimento no marco do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP),neste período, cun total de 135 millóns de euros para a posta en marcha de 80 proxectos. Nesta liña, o Goberno galego xa traballa no POCTEP 2021-2027, no que se lles dará maior protagonismo ás AECTs e se fomentarán os pequenos proxectos levados a cabo por entidades próximas á cidadanía.
Alfonso Rueda destacou a importancia da cooperación transfronteiriza para loitar unidos contra a pandemia e facer fronte ao escenario postcovid-19 contribuíndo á reactivación económica da Eurorrexión.