Emprego

A Xunta aposta por un emprego sustentable diverso e inclusivo para un crecemeto empresarial

Covadonga Toca, participou no acto de presentación en Galicia do proxecto de inclusión laboral Emplea Lab no que a futura Lei de igualdade de Galicia recoñecerá a discriminación múltiple e interseccional da muller e regulará a sustentabilidade social empresaria.

Óscar Gómez

Ourense | 13.06.2023 08:03

A Xunta aposta por un emprego sustentable diverso e inclusivo para un crecemeto empresarial | onda cero

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou en Ourense no acto de presentación en Galicia do proxecto de inclusión laboral Emplea Lab, onde destacou a aposta do Goberno galego pola creación de contornas de traballo inclusivas e diversas xestionadas baixo o concepto da sustentabilidade social empresarial. Así, fixo fincapé na importancia de levar a cabo accións para acadar un emprego inclusivo, poñendo en marcha medidas específicas de emprego en igualdade de condicións e de oportunidades e que tamén se extenden ao eido do emprendemento.

Toca indicou que a sustentabilidade social empresarial convertirase coa nova Lei de igualdade de Galicia, na actualidade en tramitación parlamentaria, nun dos eixos fundamentais para loitar contra a discriminación da muller no eido laboral e para facer efectiva a igualdade de oportunidades na comunidade. Apuntou que o novo texto legal recoñecerá a discriminación múltiple e interseccional da muller, que corresponde aos supostos nos que varias causas dificultan inda máis o desenvolvemento persoal e social das afectadas, como poden ser de discapacidade, de etnia, idade avanzada, de orientación sexual, de pobreza, de inmigración, de situación de trata etc.

Recordou, así mesmo, o compromiso da Xunta co emprego inclusivo e lembrou que na actualidade estase a desenvolver o Plan emprega discapacidade exclusión-social con oito programas para impulsar e fomentar a inclusión no mercado de traballo daqueles colectivos con maiores dificultades para o seu acceso. En palabras de Toca, as empresas que apostan por un modelo diverso e sustentable son máis produtivas.

Para a secretaria xeral de Apoio ao Emprego, a integración laboral é unha necesidade social e esencial, porque o acceso ao emprego é o elemento decisivo para que unha persoa poida participar de xeito íntegro na sociedade.