Economía

A Xunta abre ás axudas do renove automoción

O Goberno autonómico impulsará con este programa a compra de ao redor de 1100 vehículos eficientes que permitirán aforrar en Galicia 300.000 euros ao ano na mobilidade de particulares, empresas e autónomos.

Óscar Gómez

Ourense | 04.01.2022 10:33

A Xunta abre ás axudas do renove automoción | onda cero

A Xunta de Galicia abrirá o 17 de xaneiro o prazo de solicitudes para que particulares, empresas e autónomos accedan ás axudas do programa Renove Automoción, o plan galego de transición cara a unha mobilidade eficiente. Con esta iniciativa, que cumpre a súa terceira edición, o Goberno autonómico destina 2,5M€ –máis do triplo que na anterior convocatoria– para apoiar a adquisición de ao redor de 1100 vehículos enerxeticamente eficientes. Os apoios son válidos para vehículos comprados a partir do 1 de xaneiro.

O obxectivo desta proposta da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación é promover a substitución de vehículos de certa antigüidade por outros novos e eficientes que reduzan a emisión de gases de efecto invernadoiro e melloren a calidade do aire, tendo en conta que o parque móbil galego ten unha media de 14 anos. Así, reduciranse as emisións de CO2 equivalentes á acción de plantar 36.000 árbores e favorecerase unha redución de custos de 300.000 euros anuais na mobilidade, así como dun aforro enerxético equivalente a 274.000 litros de gasóleo.

Estes apoios, cos que a Xunta agarda mobilizar 26 millóns de euros, van destinados a beneficiar tanto a particulares que teñan a súa residencia habitual en Galicia –que poderán adquirir un único vehículo co Renove Automoción–, como a autónomos e empresas con domicilio social ou centro de traballo na Comunidade, que poderán mercar ata 10 unidades con estas axudas.

A convocatoria inclúe a adquisición de vehículos novos –turismos e furgonetas– cun custo inferior ou igual a 40.000 euros. Será requisito imprescindible que o adquirinte acredite a baixa definitiva en circulación dun vehículo a achatarrar de polo menos 10 anos no caso dos turismos e de cinco no das furgonetas.

As axudas son de concorrencia non competitiva e tramitaranse a través das entidades colaboradoras, que xa teñen o prazo aberto para adherirse -de feito, nestes momentos hai ao redor de 70-. Estes apoios oscilarán entre os 3000 e os 4000 euros segundo o tipo de vehículo, dos cales a Xunta achega 2000 e 3000, respectivamente, e o concesionario 1000. A cantidade increméntase nun 20% para as familias numerosas, polo que poden acadar os 3400 e 4600 euros.

Ata o momento, o Renove Automoción destinou nas súas anteriores convocatorias un total de 1,8 millóns de euros para apoiar a adquisición de 759 vehículos. Trátase dunha iniciativa que foi consensuada co propio sector e que promove a recuperación económica, reducindo os custos enerxéticos dos fogares, pero tamén das empresas que poden ver mellorada a súa competitividade.

Moves III

Esta nova convocatoria do Renove Automoción complementa ao plan Moves, un programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica que xestionan as comunidades autónomas e que tamén cumpre a súa a terceira edición. Neste caso, apóiase a adquisición de vehículos eléctricos e de infraestruturas de recarga.

Tanto o Renove Automoción como o Moves III teñen como obxectivo fomentar investimentos nunha mobilidade eficiente e sostible que contribúa a unha redución de enerxía neste sector e a facer fronte ao cambio climático –o transporte representa o 31% do consumo de enerxía final en Galicia–.