O xulgado desestima o recurso contra a oferta de emprego do Concello para 2020
A sentenza conclúe que houbo negociación entre o Concello e as centrais sindicais e non houbo violación do procedemento / O acordo municipal prevé a próxima incorporación de 25 axentes de policía local e 12 bombeiros condutores.
O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense ditou sentenza na que desestima o recurso interposto pola Confederación Intersindical Galega contra o acordo da xunta de goberno local do Concello de Ourense que aprobou a oferta de emprego do Concello de Ourense para o ano 2020. A sentenza impónlle á actora as custas do proceso.
A oferta de emprego público do Concello de Ourense para 2020, publicada no Boletín Oficial da Provincia de 22 de agosto de 2020 tiña como finalidade reforzar os servizos de seguridade cidadá de Ourense, coa incorporación de 25 policías municipais e 12 bombeiros condutores.
O proceso selectivo non se interrompeu pola interposición do recurso, xa que o Concello continuou desenvolvéndoo e os policías locais e os bombeiros ingresarán proximamente no Concello de Ourense. O sindicato recorrera a aprobación da oferta de emprego público (OEP) do Concello alegando falta de negociación e infracción do ordenamento xurídico.
A sentenza desestima ambos argumentos e sinala que “debe considerarse que existiu unha e efectiva actividade negociadora no proceso de aprobación da oferta de emprego público (OEP), e así se evidencia do exame das actas das mesas xerais de negociación de 19/06/2020, 23/06/2020 e 16/07/2020”. Engade a sentenza que “os representantes das centrais sindicais que forman parte da mesa de negociación expresaron a súa opinión sobre a proposta da oferta de emprego público e manifestaron a súa oposición a negociar a oferta de emprego público”.
Así, conlúe a este respecto: “do exposto despréndese que os criterios xerais sobre a oferta de emprego público para o ano 2020 do Concello foron sometidos a negociación entre o Concello e as centrais sindicais que forman parte da mesa xeral de negociación; outra cousa foi o resultado desa negociación”.
A xuíza tamén desestima o recurso na súa alegación de presunta violación do procedemento. Sostiña o sindicato que primeiro tiñan que terse negociado os orzamentos municipais, dos que a OEP é un acto de aplicación. A este respecto, a sentenza di que “considerando que o que é obxecto de impugnación deste procedemento é a OEP, e a OEP e os orzamentos municipais constitúen actos distintos, non pode estimarse a existencia desta causa de nulidade”.