A xerente do Inorde e a presidenta do Consello Regulador visitan o viñedo experimental de Monterrei
Na visita, a presidenta do C.R.D.O. Monterrei propúxolle á xerente do Inorde a reconversión deste espazo nun centro vitivinícola e o deseño dun proxecto
A xerente do Inorde, Emma González, e a presidenta do C.R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva, visitaron a finca de experimentación e investigación (viñedo) que a Deputación de Ourense ten no municipio de Monterrei e na que traballa o Centro de Desenvolvemento Agrodandeiro do Inorde. Durante a mesma, coñeceronin situas actuacións que se están a desenvolver na actualidade neste viñedo experimental, situado nun entorno privilexiado como é aos pés do Castelo de Monterrei.
Na visita, a presidenta do C.R.D.O. Monterrei propúxolle á xerente do Inorde a reconversión deste espazo nun centro vitivinícola e o deseño dun proxecto “respectuoso co entorno e o medio ambiente, que sexa un referente enoturístico, educativo e, como non, que sirva de apoio ao propio Consello Regulador”, dixo Lara da Silva.
Pola súa parte, a xerente do Inorde dixo que este proxecto podería ser “estratéxico” porque aborda “os criterios que Europa nos está a marcar como pode ser a sustentabilidade” e que ademais, completa “perfectamente esa aposta que está a facer o Inorde de promover a circularidade, xa que comezaría no cultivo da vide e remataría na dinamización enoturística do destino”.
A base deste proxecto é ir moito máis alá, contemplando no mesmo a interacción coa Asociación Ruta do Viño Monterrei “no que se mostre o produto de forma integral, é dicir, desde a vide ata a copa, contando tamén con elementos divulgativos da tradición e historia vitivinícola en Monterrei”, sinalou Lara Da Silva, quen agradeceu á xerente do Inorde a súa atención e predisposición a colaborar na dinamización da comarca de Monterrei.