Na vindeira primavera Ourense terá 5'7 Km de sendas peonis
Ethel Vázquez destacou que na primavera do vindeiro ano a Xunta poñerá en servizo en Ourense 4,7 quilómetros de novas sendas peonís e comezará a construír o gran eixo de mobilidade sostible que conectará a cidade de norte a sur.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado da Xunta na provincia, Gabriel Alén, supervisou o avance das obras en execución dunha nova senda na estrada OU-105, en Ponte Sevilla. Precisou que esta nova acción da Xunta en Ourense forma parte dunha intervención máis ampla, que inclúe a construción dunha senda de case 1,5 km na estrada que vai a Trives, na OU-536, na Rabaza; e un itinerario de 1,1 km, na Avenida de Ponferrada. Trátase, en total, de 3,5 novos quilómetros de sendas nos que a Xunta está a investir 1,8 M€.
A conselleira sinalou que a actuación, comenzada pola zona de Ponte Sevilla, permitirá executar algo máis de 800 metros de senda, desde o concesionario que hai xunto á glorieta e ata o punto onde se atopa a parada de bus próxima ao tanatorio. Detallou que, ao comezo do itinerario, na marxe dereita, existe un treito de beirarrúa, de xeito que coa nova senda daráselle continuidade peonil ata acadar o desvío ao tanatorio As Burgas. Nese punto final da senda, tal e como indicou a conselleira, enlazará coas obras que a Xunta vén de rematar en Seixalbo, no marco da 2ª fase de mellora da seguridade viaria na que se investiu 1 M€.
Ethel Vázquez concretou os avances nos traballos que se levan realizados no itinerario de Ponte Sevilla, nos que levan instalados xa case 500 metros de tubaxe de drenaxe de pluviais, un prisma de canalización dos cables, as tubaxes da telefonía e outras instalacións.
Adiantou que neste mes de outubro está previsto executar os muros de contención e comezar co encaixe da senda para, a continuación poder estender o pavimento e, paralelamente, avanzar nos traballos nos outros dos itinerarios. No conxunto da intervención, a conselleira apuntou que os novos itinerarios, tanto en Ponte Sevilla como na Rabaza e na avenida de Ponferrada, terán un ancho variable e mínimo de 1,80 metros, contarán cunha gabia de seguridade e unha franxa de vexetación para separala da estrada de 50 centímetros.
Tamén abundou noutras actuacións para mellorar aínda máis a seguridade viaria e a mobilidade peonil dos veciños, para o que, ademais, habilitaranse entre as tres sendas un total de 9 refuxios nas distintas paradas de autobús dispostas nestes itinerarios. Ethel Vázquez apuntou ao obxectivo da Xunta de intensificar o ritmo das obras nos vindeiros meses para ter na primavera do vindeiro ano o servizo dos veciños de Ourense 3,5 novos quilómetros de sendas peonís grazas a un investimento da Xunta de 1,8M€. As accións están cofinanciadas con fondos do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Lembrou que estes novos itinerarios peonís enmárcase no Plan de Sendas de Galicia que a Xunta está a desenvolver en 11 comarcas, entre as que está a de Ourense. Unhas obras, salientou, exemplo da gran aposta pola mobilidade segura, menos contaminante e máis beneficiosa para a saúde que xa ten permitido por á disposición dos galegos máis 200 km de sendas grazas a un investimento de 50 M€.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade puxo así en valor o investimento importante que está a facer o Goberno galego por transformar a mobilidade na cidade de Ourense, onde actualmente están tamén a piques de comezar a executarse as sendas de Valdorregueiro e Montealegre, na OU-105 e na OU-101, cun orzamento de 1,6 M€ para un total de 2,2 quilómetros de itinerarios.
Neste sentido, subliñou que a Xunta esta neste mesmo momento a investir 3,4 M€ na construción de 5,7 km novas sendas peonís na cidade de Ourense que se poñerán en servizo en primavera. Ethel Vázquez avanzou, ademais, que tamén na primavera dará comezo xa na primavera a construción da que cualificou como a maior transformación que está a impulsarse desde a Xunta a prol da mobilidade en Ourense, onde se conformará ese gran eixo peonil para conectar a cidade de norte a sur, desde a estación intermodal ata o Pazo dos Deportes, con máis de 5 km e máis de 6 M€ de investimento.