A Veiga acollerá a primeira edición da “Gran Carreira de Carrilanas”
Este evento, que conta coa colaboración do Inorde, celebrarase por primeira vez no municipio valdeorrés o vindeiro 8 de outubro.
O municipio de A Veiga acollerá a primeira edición da “Gran Carreira de Carrilanas”, un evento que conta coa colaboración do Inorde e que se celebrará por primeira vez no municipio valdeorrés o vindeiro 8 de outubro. Rosendo Fernández felicitou a “Espazo Carrilano”, organizadores da proba, por “impulsar iniciativas deste tipo que contribúen a dinamizar a vida social e económica dos municipios, converténdose nunha gran oportunidade para que a xente coñeza o potencial do noso territorio, neste caso, da Veiga”. Ademais, o presidente do Inorde destacou o gran traballo que supón organizar este tipo de eventos polo que “agradezo que a propia veciñanza se implique no desenvolvemento dos territorios, sobre todo a mocidade, e continúen a apostar polos nosos pobos, xa que é a maneira de que afrontemos xuntos o reto demográfico”.
Neste mesmo sentido, o alcalde da Veiga dixo que o “protagonismo desta iniciativa é todo para a mocidade da Veiga de “Espazo Carrilano” por ser os promotores absolutos desta idea, que demostra o arraigo que senten todos eles polo noso pobo e, por elo, son un exemplo claro de que se hai más persoas coma eles, hai máis pobos vivos”.
Así mesmo, Juan Anta convidou a todo o mundo (amateur e profesionais) a participar nesta primeira edición e lembrou que “todo aquel que veña a A Veiga por este motivo terá a oportunidade de gozar dun plan perfecto de fin de semana grazas á variada oferta turística que van atopar no noso territorio”.
I edición da “Gran Carreira de Carrilanas”
Paralelamente á propia carreira, o evento comezará cunha serie de obradoiros centrados na construción das carrilanas, dirixidos, fundamentalmente, á xente do municipio, explicou Marcos Porto. E, o vindeiro 8 de outubro, celebrarase a carreira propiamente de carrilanas, aberta a todo o público. A carreira terá dúas fases: a primeira será a fase sen federar pensada para correr dunha maneira máis informal, aínda que a organización ofrece a posibilidade de poder competir por unha serie de premios; e a segunda fase da carreira será federada, onde pilotos con máis experiencia competirán de maneira oficial no Campionato Galego, explicou Marcos Porto.
Neste momento, “contamos xa con 7 equipos na modalidade amateur, incluso sen haber comezado a divulgar o evento, polo que esperamos contar na primeira fase con 10-12 equipos nesta fase, e na parte competitiva podemos ter unha vintena de equipos federados porque é afluencia que soen ter este tipo de eventos”, sinalou Marcos Porto.
“A finalidade principal de todo o evento é crear movemento no municipio e atraer ao mesmo tempo xente doutros lugares, xa que como acontece en moitos outros sitios do rural a afluencia de visitantes baixa, polo que con este tipo de eventos logramos darlle máis vida ao noso pobo”, engadiu o representante de “Espazo Carrilano”.