A valedora do pobo admite a trámite o caso do "Rei Baltasar" en Ourense
A Valedora considera que a reclamación dos socialistas reúne os requisitos formais e que atopa cobertura constitucional para iniciar as actuacións oportunas ante o Concello de Ourense.
O grupo socialista no Concello de Ourense vén de amosar a súa satisfacción ante a decisión da Valedora do Pobo de admitir a trámite a queixa presentada polo PSdeG-PSOE trala elección, por parte do alcalde Jácome, dunha persoa dobremente condenada por abuso sexual para representar ao rei Baltasar na cabalgata do 5 de xaneiro.
“Na queixa que trasladamos á Valedora do Pobo hai tan só unha semana solicitabamos a súa intervención urxente sobre un asunto que nós consideramos de extrema gravidade” sinalan dende o grupo socialista, ao tempo que destacan que “a celeridade na resposta amosa que, efectivamente, se trata dunha cuestión prioritaria que debe ser investigada sen demora”.
Na súa misiva, o alto comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa dos dereitos e liberdades da cidadanía considera que a reclamación dos socialistas “reúne os requisitos formais recollidos no artigo 18 da Lei da Valedora do Pobo” e que atopa “cobertura constitucional” para iniciar as actuacións oportunas ante o Concello de Ourense.
Na mesma comunicación, indícase que con data de hoxe a Valedora inicia as actuacións oportunas ante o Concello de Ourense, requiríndolle ao devandito órgano que, no prazo de 15 días, facilite a información necesaria sobre os problemas que motivan a queixa. Neste sentido, infórmase ao grupo socialista de que, unha vez recibido o preceptivo informe, se establecerá contacto para dar conta da actuación ao respecto.
Dende o PSdeG-PSOE reiteran a súa total repulsa á elección por parte do alcalde dunha persoa que cometeu delitos tan graves contra varias mulleres para representar o Concello nun acto dirixido a nenas e nenos e congratúlanse de que a Valedora do Pobo emprendese tan axiña medidas encamiñadas a esclarecer responsabilidades canto antes.