Unha mostra fotográfica lembra o vínculo de Luis García Berlanga co Ourense Film FestivaL
Jorge Berlanga: “éncheme de orgullo que se lle dea tanta visibilidade con estas homenaxes. De feito, moita xente nova está a coñecelo agora grazas a eles”
Luis García Berlanga (València, 1921 - Madrid, 2010) é un dos nomes propios da 26 edición do Ourense Film Festival (OUFF). No centenario do seu nacemento, que comparte con Fernando Fernán Gómez, o cineasta será un dos protagonistas do Festival de Cine de Ourense. Non só polo ciclo previsto coa proxección de El verdugo y Esa pareja feliz, dentro dos ciclos temáticos, senón pola exposición fotográfica que o OUFF trae a Ourense e que poderá verse dende hoxe na Avenida de Pontevedra.
O neto do cineasta, Jorge Berlanga, acudiu á sede do OUFF en representación da familia para presentar a homenaxe. En palabras de Xose Manoel Rodríguez, coordinador de contidos do OUFF, que o acompañou na presentación, “esta iniciativa pareceunos marabillosa dende o inicio. Foi César Silva o que nos dixo que o último festival ao que acudira persoalmente Berlanga fora aquí, no 2005, así que era unha débeda pendente homenaxear a esta figura imprescindible do cinema español”.
Jorge Berlanga quixo agradecer “tanto ó festival como á Deputación por recordar así ó meu avó. Trátase dun centenario optimista xa que estamos falando dunha persoa que nos trouxo humor e crítica coa súa obra e que nos axudou a crecer como sociedade”. Afirmou que “moitas veces se lamenta que non traballara en lugares como Estados Unidos pero realmente recoñeceuse tanto a súa figura aquí e é tan querido, que compensa todo”.
Preguntado sobre ese novo guión que permaneceu gardado ata fai unhas semanas por orde expresa de Luis García Berlanga dixo que “hai posibilidades de que se materialice pero de momento non hai nada en marcha. Se se lle dá unha volta e coa motivación necesaria, sería posible”. Tamén salientou que “me enche de orgullo que se lle dea tanta visibilidade con estas homenaxes. De feito, moita xente nova está a coñecelo agora grazas a eles. Eu recomendaríalles empezar por ver Bienvenido, Míster Marshall, que é redonda e sinxela e chama moito a atención pero a miña favorita é El Verdugo”.
Exposición e praca para completar a homenaxe
A presenza de Luis García Berlanga en Ourense forma parte da historia do festival e, con tal motivo, esta exposición de exteriores ofrece unha crónica exhaustiva. Unha rolda de prensa, un encontro co público, o acto de entrega da placa acreditativa do galardón Premio Memoria Histórica e a firma no libro de honra do festival foron os actos centrais da visita de Berlanga en 2005.
A organización do festival de cine de Ourense quere con esta homenaxe recoñecer e celebrar o vínculo que unía ao cineasta co festival. De feito, a mostra rememora a súa presenza en Ourense durante a celebración da 10ª edición. Ata o vindeiro 1 de outubro, os ourensáns poderán recordar a figura do director valenciano no seu paso por un festival que cumple 26 anos. Foi en Ourense onde o cineasta recolleu de forma presencial o derradeiro recoñecemento á súa traxectoria.
A exposición fotográfica é só un dos actos que o OUFF dedica ao director e guionista. Complétase o programa co descubrimento dunha placa conmemorativa que recordará a vinculación de Luis García Berlanga co Festival de cine de Ourense no Teatro Principal e coas proxeccións de El verdugo y Esa pareja feliz.