O Tribunal de Contratación dá vía libre á compra de 40 novos autobuses
O alcalde asegura que esta resolución "pon de manifesto a intención que subxace en cada acción do concelleiro de Ciudadanos. Fixo unha impugnación no tribunal totalmente contraria ao que defendeu diante dos cidadáns no pleno”.
O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia desestimou o recurso presentado polo concelleiro de Ciudadanos contra o anuncio e os pregos de contratación da subministración de 40 novos autobuses para renovar a flota do servizo de transporte urbano colectivo do Concello de Ourense. Na súa resolución, o tribunal lembra que o concelleiro de C's votou en pleno a favor da modificación de crédito que realizou o Concello para comprar estes autobuses, cuxa licitación cuestionaba agora, e conclúe que “dificilmente pode sosterse a lexitimación do concelleiro recorrente ao respecto dalgún dos motivos de impugnación achegados nesta sede, pois supoñen ir en contra do seu propio voto nos termos descritos”, sinala o tribunal.
O alcalde de Ouense, Gonzalo Jácome, asegura que esta resolución “pon de manifesto a intención que subxace en cada acción do concelleiro de Ciudadanos Pepe Araujo. Fixo unha impugnación no tribunal totalmente contraria ao que defendeu diante dos cidadáns de Ourense no pleno do Concello. Argumentou e votou a favor da compra dos autobuses e pola porta de atrás trataba de impugnala para que non se comprasen. Pretendía que Ourense tivese autobuses vellos e buscaba o seu rédito electoral; non lle interesaba para nada a flota de autobuses, interésalle máis o seu futuro político ca o ben dos cidadáns”.
Esta resolución dá vía libre a continuar coa tramitación do expediente, logo de que o mesmo tribunal desestimase esta mesma semana o outro recurso (foran dous en total), presentado por unha empresa, contra os pregos desta subministración. O goberno municipal confía que os novos vehículos estean dispoñibles a finais deste ano.
O tribunal inadmite e desestima o recurso
A resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia inadmite e desestima o recurso interposto polo concelleiro de Ciudadanos, dirixido contra o anuncio e os pregos da contratación da subministración dos 40 autobuses en tres lotes para o servizo municipal de transporte urbano colectivo do Concello de Ourense.
Na súa argumentación, explica o tribunal que aínda que o recurso se dirixe contra un acordo da xunta de goberno local, da que non forma parte o concelleiro de Ciudadanos, este sí participou e votou a favor do acordo plenario de modificación de créditos que aprobou o Concello para adquirir os autobuses.
Di o tribunal que “consta no expediente que o concelleiro recorrente votou a favor dunha modificación de crédito no que se explicitaba polo miúdo os motivos e finalidade da proposta de contratación, o financiamento da renovación da flota de autobuses do Concello de Ourense e onde, xunto coa memoria xustificativa da modificación orzamentaria dábase conta do importe estimado de financiamento, as alternativas para acadar a renovación da flota de autobuses, e tamén se explicaba a situación actual do contrato de transporte municipal e votábase a favor de optar pola adquisición directa polo Concello dunha nova frota de vehículos. De conformidade co exposto e como iremos explicando durante esta Resolución, dificilmente pode sosterse a lexitimación do concelleiro recorrente ao respecto dalgún dos motivos de impugnación achegados nesta sede, pois supoñen ir en contra do seu propio voto nos términos descritos”.
Os novos vehículos, a final de ano
Esta resolución dá vía libre a continuar coa tramitación do expediente de subministración dos autobuses, logo de que o mesmo tribunal desestimase esta mesma semana o outro recurso (foran dous en total), presentado por unha empresa, contra os pregos da contratación.
O goberno municipal confía que os novos vehículos estean dispoñibles a finais deste ano. A mesa de contratación reunirase o martes, 22 de febreiro para realizar a apertura das ofertas das empresas que concorreron á licitación, coa finalidade de avanzar na adxudicación do contrato.