Ourense Provincia

Toen convertese nun referente internacional na loita contra os incendios

Rueda subliña a “magnífica rehabilitación” da lavandaría do antigo psiquiátrico para convertelo nun espazo formativo e administrativo.

Óscar Gómez

Ourense | 18.12.2023 07:57

Toen convertese nun referente internacional na loita contra os incendios | onda cero

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o novo Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL), situado no municipio ourensán de Toén, como un referente internacional para a formación, a cooperación e a investigación en materia de incendios forestais.

“Temos o mellor persoal, cada vez os mellores medios e como queremos seguir téndoos hai que seguir formándoos e demostrar que nisto en Galicia tamén somos moi potentes”, asegurou sobre este centro no que a Xunta leva investidos máis de 3,5 millóns de euros.

O titular do Goberno galego, acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, participou na inauguración do novo centro administrativo e de formación das brigadas forestais, o que significa o remate da primeira fase de construción referida á reforma da lavandaría do antigo psiquiátrico. Unha “magnífica rehabilitación”, tal e como indicou Rueda, na que se utilizou castiñeiro como mostra da aposta da Xunta pola madeira estrutural.

Así, Rueda salientou a contribución desta iniciativa pioneira no eido formativo xa que centralizará tanto a formación continua de bombeiros forestais como a instrución de novos profesionais neste eido. Ademais, será un referente no eido da cooperación internacional, ao estar pensado para poñerse a disposición de profesionais de toda Europa e contar cos maiores especialistas no comportamento e análise dos incendios. E tamén contará cunha aula medioambiental para formar estudantes de toda Galicia e para concienciar á sociedade sobre o traballo dos profesionais contraincendios como defensores do monte e, por extensión, da seguridade das persoas e dos seus bens.

Neste senso, cabe incidir en que o propio espírito innovador do CILL está a permitir captar fondos comunitarios para este proxecto ao atraer o interese de Europa. Unha demostración, salientou o presidente da Xunta, de que por “en menos de dous anos soubemos empregar eses fondos europeos perfectamente”.

“Temos un magnífico Servizo de extinción e prevención de incendios pero isto tamén evoluciona moi rápido e iso require moita formación, moita especialización”, asegurou Rueda, polo que comprometeu o apoio da Xunta coa mellora do servicio contra incendios de Galicia. Neste sentido, o Goberno autonómico destinará 24 millóns de euros nos orzamentos de 2024 para a dotación de medios (aéreos e terrestres) e para a mellora da uniformidade do persoal.

Toen convertese nun referente internacional na loita contra os incendios | onda cero

Entrega de equipos multifunción

Durante a visita de hoxe, a Xunta tamén fixo entrega ao persoal de loita contra o lume do servizo público galego de 14 equipos multifunción denominados batracios. Uns vehículos que, cun investimento de máis de 4,8 M€, constitúen toda unha innovación ao non existir nada semellante na contorna. Están formados por tractor, cisterna, trituradora e polidozer, polo que son capaces de circular con seguridade nos montes e mellorar a eficacia dos traballos preventivos, así como optimizar o labor de preparación e mantemento de pistas forestais, liñas de defensa contra incendios e cortalumes e o mantemento de puntos de auga.

Tanto a execución do centro administrativo e de formación de Toén, como a subministración dos 14 batracios foi financiada ao 100% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, con fondos REACT-EU, como resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.