Terceiro plan de rescate por parte da Xunta a Pemes e autónomos
A Xunta axilizará o pago dos 234,4 millóns de euros do terceiro Plan de rescate cun sistema de adiantos que minimiza a burocracía.
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou a oportunidade que supón para os sectores afectados pola crise da covid-19 a posta en marcha do terceiro Plan de Rescate, co que a Xunta quere seguir acompañando ao tecido produtivo, pemes e autónomos para compensar sacrificios e axudarlles a recuperar a súa actividade.
O vicepresidente económico quixo mandar unha mensaxe de optimismo asegurando que a estabilización do plano sanitario actual tamén consolida un escenario de reactivación económica, o que impulsará de novo sectores como o turismo, a hostalería ou o comercio. Con respecto a este último, Conde salientou a activación de 19 millóns de euros por parte a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación co obxectivo de axudar aos comerciantes galegos no que vai de pandemia, a través de campañas de dinamización do consumo como o Bono Activa Comercio, con bonos desconto de 30 euros para mercar nas tendas de proximidade –10M€–; o Plan Renove Electrodomésticos –cun orzamento de 3M€–; ou o Bono Enerxía –3M€–; así como para o fomento da dixitalización no sector –5M€–.
En paralelo, a consellería tamén puxo en marcha liñas de axudas directas ao sector da hostalería, destinando 11 millóns de euros para o acondicionamento das terrazas e a mellora do servizo de venda de produtos para levar á casa ou para recoller no establecemento.
Estes apoios son un exemplo da aposta da Xunta de Galicia por acompañar aos sectores e profesionais que peor o están a pasar, en contraposición coas axudas que destinará o Goberno central á comunidade con cargo aos fondos covid-19. De feito, este reparto do Executivo estatal levou a que Galicia xa percibise 660 millóns menos dos que lle corresponden, pois apenas recibe o 3,3% dos 7.000M€ que se van repartir en toda España.
Pagos con tramitación máis áxil
Pola súa banda, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, indicou que con esta nova convocatoria do terceiro Plan de rescate, o Goberno galego chegará a todos os sectores que acrediten alo menos un 40% de caída do volume de operacións. “Reservamos un 85% dos fondos a autónomos e microempresas, para apoiar a continuidade da actividade empresarial na nosa comunidade respecto deste colectivo que constitúe o 97% do noso tecido produtivo”, manifestou Lorenzana.
Así mesmo, indicou que a Administración autonómica axilizará a tramitación dos pagos do 3º plan, minimizando a burocracia, e mediante o adianto do 100% dos importes que correspondan mediante a través da sinxela presentación dunha declaración responsable.
A conselleira, ademais, apuntou que a estes 416 millóns de euros dos tres plans de rescate hai que engadir outros 145 millóns xestionados por diferentes departamentos autonómicos, ata un total de 560 millóns en axudas directas extraordinarias para os sectores e actividades económicas máis prexudicadas pola pandemia.
Por último, Lorenzana avanzou que nas próximas semanas publicarase tamén no DOG diversos programas de axudas aos autónomos que suman preto de 20 millóns de euros. En concreto, activarase o Bono Autónomo co apoios de ata 3.000 euros para a mellora da competitividade empresarial ou profesional dos traballadores por conta propia; as axudas para a promoción do emprego autónomo coas que se apoia o inicio de actividade; as destinadas a impulsar a contratación indefinida de persoas asalariadas, do primeiro, segundo e terceiro traballador; os incentivos á consolidación de pequenas empresas de nova creación e ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica; e os apoios ás asociacións de autónomos.