Ourense Cidade

Os socialistas solicitan unha visita ás obras do Xardín do Posío

Apelan á responsabilidade do alcalde e do goberno municipal para que dean a cara, abandonen a opacidade e actúen con sensibilidade ambiental e respecto institucional.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Os socialistas solicitan unha visita ás obras do Xardín do Posío | Faro de Vigo

Dende o grupo municipal socialista no Concello de Ourense reiteran o seu apoio á rehabilitación integral do Xardín do Posío por tratarse dunha intervención “imprescindible e necesaria”, avalada no seu momento por todas as forzas políticas e pola propia veciñanza, ao tratarse dun dos espazos naturais e históricos máis emblemáticos da cidade.

Porén, tras máis dun ano de execución das obras, e á vista do seu discorrer, advirten a crecente preocupación social e ambiental trasladada por colectivos veciñais e ecoloxistas, como Amigas das Árbores, que alertan dunha posible desviación respecto do proxecto inicial consensuado, así como dun impacto negativo sobre a masa arbórea e o carácter verde do xardín. “Entendemos perfectamente a preocupación cidadá, especialmente cando se trata dun espazo de alto valor histórico, botánico e ambiental”, sinala a portavoz, Natalia González.

Para as socialistas, as informacións coñecidas nas últimas semanas, xunto coas imaxes difundidas, amosan a substitución de zonas tradicionalmente arboradas por superficies duras, así como a desaparición dun número de árbores superior ao inicialmente previsto. “Esta situación, entendemos, esixe explicacións claras, rigorosas e inmediatas por parte do goberno municipal. A cidadanía ten dereito a saber se o proxecto que se está a executar é o mesmo que foi aprobado e consensuado”, engade a voceira.

Por este motivo, solicitaron formalmente unha visita ás obras do Xardín do Posío co goberno municipal e cos responsables técnicos que se estimen oportunos, así como copia do proxecto modificado, no caso de que se produciran cambios respecto do proxecto orixinal, para coñecer de primeira man as decisións adoptadas e as súas consecuencias.

“A transparencia non é unha opción, é unha obriga cando se están a investir preto de 2,6 millóns de euros de fondos públicos. Consideramos que unha obra destas características non pode verse devaluada nin afastarse das necesidades actuais da veciñanza, nin tampouco perder a esencia dun xardín que foi, é e debe seguir sendo un refuxio climático, un espazo de biodiversidade e unha memoria viva de Ourense”, puntualiza.