Os socialistas esixen a Jácome un “cambio de rumbo radical” na política social do Concello
Denuncian que Ourense é “a cidade galega cos servizos sociais máis colapsados” e tachan de “insuficientes e continuistas” as axudas para as entidades sen ánimo de lucro no ámbito dos servizos sociais
O PSdeG-PSOE de Ourense secunda as reivindicacións das entidades do terceiro sector pertencentes á Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión, EAPN Galicia, ao tempo que defende o enorme labor que desempeñan as organizacións sen ánimo de lucro ante o “grave colapso” dos servizos sociais do Concello.
Tras un encontro con representantes das entidades que conforman EAPN Galicia, os socialistas amosaron o seu compromiso para apoiar as súas demandas e censuraron que Jácome nin tan sequera respondese á solicitude urxente de reunión que o colectivo lle remitiu o pasado mes de xaneiro. Neste sentido, lamentan que o alcalde estea “máis preocupado de proxectos megalómanos inviables que de atender as necesidades das persoas en situación de emerxencia social”.
Deste xeito, esixen ao “microgoberno” un “cambio de rumbo radical” para colocar a área social “no centro da acción política”, así como para “superar a falta de planificación” e evitar que as axudas aos colectivos cheguen “mal e tarde”, como denuncian dende EAPN Galicia.
“Algúns colectivos trasladáronnos situacións realmente sangrantes, como algún caso no que as axudas se resolveron cando xa rematara o prazo de execución; ou outros nos que a contía da subvención chegou ata catro anos tarde”, manifestou o voceiro dos socialistas, Rafa Villarino, tralo encontro. “Neste contexto, as entidades vense obrigadas a acabar recorrendo aos recursos de asociados ou doutras administracións que as amparen”, lamentou.
“Ourense é a cidade galega cos servizos sociais máis colapsados, con listas de agarda de ata seis meses”, advertiu o socialista, quen tachou de “insuficientes e continuistas” as axudas para entidades sen ánimo de lucro no ámbito dos servizos sociais que o Concello vén de facer públicas. “Son outra proba do servilismo da administración local en Ourense, que se limita a plaxiar unhas axudas concedidas con anterioridade, amosando a súa falta de proxecto propio”.
Durante a xuntanza, na que participaron representantes de Afaor, Fundación Meniños, Provivienda, Fundación Juan Soñador, Amaranta, Down Ourense, APES, Renacer, Cogami e Xarela, os socialistas comprometéronse a convocar unha reunión coa responsable de servizos sociais do Concello para trasladarlle as peticións de EAPN Galicia en primeira persoa e reiteraron que o grupo municipal socialista insistirá na súa solicitude para que o goberno local convoque o Consello de Servizos Sociais. Así mesmo, agradecéronlle ás entidades participantes o convite e amosaron a súa total disposición para participar en futuras xuntanzas.