Ourense Cidade

As socialistas denuncian a actuación levada a cabo nas fontes da Praza das Mercedes

Anuncian que levarán este asunto aos órganos municipais correspondentes a través dunha batería de preguntas para depurar responsabilidades e obter explicacións.

Onda Cero Ourense

Ourense |

As socialistas denuncian a actuación levada a cabo nas fontes da Praza das Mercedes | Onda Cero

O grupo do PSdeG no Concello de Ourense vén de requerir explicacións por rexistro ao goberno municipal pola actuación levada a cabo polo goberno municipal nas fontes da Praza das Mercedes, cualificándoa de “exemplo claro de falta de planificación nun espazo clave da cidade”.

Neste senso, as socialistas entenden que, lonxe de dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza como era a restauración das fontes, a intervención limitouse a cubrilas con terra e abono, “xerando un forte cheiro que está a afectar gravemente á vida diaria da zona”. Esta situación está a ter un impacto directo na actividade económica, especialmente na hostalería, con terrazas baleiras e perda de clientela.

Desde o PSOE critican que “non só non se solucionou o problema, senón que se agravou, convertendo a praza nun espazo incómodo e pouco atractivo, cando debería ser un punto de encontro para veciños e visitantes”.

Así mesmo, denuncian a falta de transparencia e diálogo por parte do goberno local, ao non informar previamente desta actuación nin contar cos veciños e profesionais afectados. “Estamos ante unha decisión incomprensible, sen respaldo coñecido e que evidencia unha preocupante improvisación na xestión do espazo público”, sinalan.

O grupo socialista tamén cuestiona que, mentres se produce esta situación, o Concello incremente as taxas de terrazas e manteña esixencias aos hostaleiros que resultan difíciles de cumprir, nun contexto claramente prexudicial para a súa actividade.

Finalmente, anuncian que levarán este asunto aos órganos municipais correspondentes a través dunha batería de preguntas para depurar responsabilidades e obter explicacións claras.