ENFERMIDADE HEMORRÁXICA EPIZOÓTICA

O Sindicato Labrego mobilízase en Ourense para pedir compensacións da Xunta

Nunha concentración diante de Medio Rural reivindicaron a cobertura total pola morte dos animais, tratamentos veterinarios e lucro cesante

Jesús Álvarez

Ourense | 14.08.2024 12:20

Manifestación gandeiros Sindicato Labrego Ourense | Onda Cero Ourense

O Sindicato Labrego Galego convocou unha protesta diante da delegación da Consellería de Medio Rural en Ourense para reclamar "medidas para paliar as consecuencias da "Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE)" que está a afectar as granxas de gando bovino de carne e leite de todo o país e particularmente á provincia de Ourense.

Sinalan que "coma era de agardar as altas temperaturas dos últimos dias provocou unha maior actividade do mosquito que provoca esta enfermidade, detectándose un aumento considerable de casos de animais enfermos". Por iso demandan da administración non só "a cobertura do pago dos animais que morren senon tamen o 100% dos gastos veterinarios derivados da enfermidade" xa que se ven na obriga de afrontar "custosos tratamentos preventivos" que cifran nuns 400 euros por animal.

Asemade reivindican "que se cubra o lucro cesante provocado tanto pola perda dos animais que falecen coma polos que finalmente sobreviven", estimando que a día de hoxe as perdas nas explotacións gandeiras galegas chegan xa aos 20 millóns de euros .

Doutra banda o Sindicato Labrego Galego tamén quere "alertar de que a vacina para a EHE está nunha fase moi inicial existindo grande incerteza no sector por non ter garantías da súa efectividade ou dos efectos secundarios" polo que se cuestionan se ao final "se están a tirar os cartos nalgo inútil ou problemático coma acontece ca vacina da língua azul".