Desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) consideran totalmente insuficientes as medidas cautelares publicadas no DOG pola Consellería do Medio Rural en relación coa Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC). O protocolo anunciado non serve para protexer as granxas galegas da entrada da enfermidade e contrasta coas accións moito máis contundentes adoptadas en comunidades próximas como Asturias ou Cantabria, que xa pecharon feiras, mercados e concentracións gandeiras.
“A Xunta di que vai facer un control veterinario durante 21 días naturais dos animais que veñan de fóra, pero esta medida é ridícula”, critica Brais Álvarez, integrante da executiva do SLG. “Non só non evita que a enfermidade chegue ata aquí, senón que ademais, se un animal chega infectado, o protocolo é sacrificar a todo o rabaño e decretar unha zona de vixilancia de 50 km arredor”.
Desde o Sindicato Labrego Galego insisten que non se trata de facer seguimentos administrativos, senón de evitar a entrada da enfermidade no territorio galego. Por esa razón, a medida máis axeitada sería unha restrición clara de movemento do gando. “Pedimos a prohibición expresa e inmediata da entrada de animais procedentes doutras comunidades”, subliña Álvarez.
“Non nos valen corentenas. Estas medidas xa se están aplicando nas comunidades da nosa contorna, e que tamén debemos adoptar por responsabilidade e sentido común. Non pode ser que elas estean a facer o esforzo de pechar durante quince días, e nós non. Se aquí non se toman medidas máis contundentes, estaremos prexudicándoas tamén a elas”. explican dende o Sindicato Labrego Galego.
Aínda que a Orde deixa entrever que gando procedente do exterior non pode entrar en feiras, esta interpretación non queda de todo clara. Por iso, solicitan mais transparencia e claridade por parte da Consellería, así como máis diálogo co sector. “A información te que ir en dúas direccións, non se lle pode chamar diálogo ao envío de información sen preguntar ás persoas labregas”, esixe Álvarez.