Seis familias reciben as primeiras tarxetas do programa ChegOU 2023
Transcorridos dez días desde a apertura da convocatoria, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, entregou a un grupo dos primeiros solicitantes as tarxetas concedidas para sufragar gastos socio sanitarios nas farmacias e parafarmacias da provincia
Despois do encontro coas familias, no que tamén estivo a deputada Luz Doporto, Manuel Baltar puxo en valor unha iniciativa enfocada a colaborar coas familias nos gastos socio sanitarios dos recén nados, e que destaca pola súa axilidade. En 2022, as solicitudes aprobadas sumaron 1.141, o que supón o 96,35% de todas as presentadas, pechándose a resolución de todos os expedientes en apenas 15 días despois de terminar o prazo.
“O programa ChegOU resume dúas coordenadas estratéxicas deste goberno provincial: o eixo social e a eficacia administrativa. Dous compromisos chave na resposta ás demandas dos veciños da provincia”, destaca o presidente da Deputación.
Manuel Baltar pon en valor a capacidade do equipo da área de Benestar para “seguir mellorando ano a ano este programa”. Activado en 2016, despois de sumar o pasado ano o sistema de acompañamento dixital para loitar contra a exclusión dixital, o ChegOU modificou as súas bases nesta convocatoria para poder dar cobertura, con carácter retroactivo ao ano 2022, aos refuxiados -na súa gran maioría mulleres- acollidos na provincia despois da invasión rusa de Ucraína. De feito, entre as familias que recibiron a tarxeta ChegOU no Pazo Provincial está a primeira solicitude presentada e resolta, a dunha nai ucraína que tivo o seu fillo en Ourense o pasado ano fuxindo da guerra. Do mesmo xeito, o proxenitor dun menor nado entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de decembro de 2023 que acredite a condición de desprazado por causas de conflito armado poderá solicitar a axuda de natalidade da Deputación.
A tarxeta ChegOU, 300 ou 500 euros para gastar en farmacias de toda a provincia
Os beneficiarios do Programa ChegOU 2023 recibirán unha tarxeta electrónica con 300 euros. A tarxeta, unha vez activada polo titular permitirá a súa utilización en farmacias e parafarmacias da provincia de Ourense para a adquisición de produtos hixiénicos, alimentarios ou de saúde relacionados co neno.
O prazo durante o cal estará activa a tarxeta para efectuar o gasto será ata o 31 de maio de 2024. Cada menor dará dereito a unha única axuda, compatible con outras axudas previstas para a mesma finalidade. Para reforzar o apoio aos nacementos nos concellos con menores taxas de natalidade, nos denominados municipios de reto demográfico de grao III, a axuda elévase a 500 euros.
As axudas poderán ser solicitadas por todas aquelas persoas que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023 teñan un fillo, adopten ou constitúan a tutela dun menor que se inscriba nun rexistro civil da provincia de Ourense. Ademais, a persoa solicitante ten que cumprir co requisito de estar empadroada nalgún concello da provincia de Ourense á data da solicitude e que o empadroamento sexa ininterrompido e cun rexistro anterior ao 1 de xaneiro de 2023.
As solicitudes poderán presentarse ata o 31 de decembro de 2023, no caso de nacemento, adopcións ou tutelas que teñan lugar no mes de decembro o prazo amplíase ata o 15 de xaneiro de 2024.