Comercio

O sector comercial poderá adherirse á campaña do bono activa comercio

A iniciativa para incentivar o consumo arrincará a principios de maio e os clientes dos establecementos disporán de 30 euros de descontos

Óscar Gómez

Ourense | 15.04.2021 08:14

O sector comercial poderá adherirse á campaña do bono activa comercio | onda cero

“Trátase dunha medida necesaria no contexto actual, onde os efectos da pandemia en sectores como o comercio teñen un enorme impacto e requiren da reacción inmediata das diferentes administracións, así como de medidas de acompañamento”, asegurou Conde, quen engadiu: “Esta iniciativa de dinamización permitirá incrementar as vendas do comercio, ao tempo que os bonos de desconto outorgarán unha maior capacidade de compra aos consumidores”.

O vicepresidente económico, que destacou a colaboración da Federación Galega de Comercio nesta medida, explicou que conta cun orzamento de 10M€ que se repartirán en bonos de desconto de 30 euros dos que se poderán beneficiar ao redor de 330.000 clientes. Preténdese mobilizar 55M€ para dinamizar as vendas nos establecementos de proximidade de toda Galicia e contribuír, deste xeito, á súa reactivación.

Este bono funcionará a través dunha aplicación móbil ofrecendo descontos de 5 euros por compras iguais ou superiores a 30, así como descontos de 10 euros se son iguais ou supriores a 50 cun período de validez de tres meses desde o seu lanzamento, previsto para principios de maio.

Tal e como lembrou Conde, esta iniciativa forma parte do Plan de medidas específicas de apoio ao comercio galego que contará con 20M€ en axudas para incentivar o consumo e apoiar a modernización do sector a través da dixitalización e o comercio en liña.

Súmase a outras actuacións como o Renove Electrodomésticos, a través do que se investirán 3M€ para que 20.000 fogares renoven os seus electrodomésticos e que os particulares poderán solicitar a partir da vindeira semana; ou o Bono Enerxía Peme e Comercio, e que apoiará tanto a mellora como a renovación dos sistemas eléctricos, iluminación ou climatización para incrementar a eficiencia enerxética. Para esta última iniciativa, resérvanse 3M€ cos que se agarda chegar en Galicia a 1000 pemes e autónomos do comercio, a hostalería e as actividades artísticas, recreativas e de entretemento.