Santalices destaca o papel fundamental dos “homes e mulleres da ciencia”
Sanalices congratula á galardoada desta edición, a doutora Marisa Crespo Leiro, e sinala que “co seu traballo sitúa á medicina galega na excelencia clínica”
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, asistiu o Carballiño ao acto de entrega do V Premio Ágora do Orcellón e presentación do número 38 da revista Ágora do Orcellón. O Instituto de Estudios Carballiñeses concedeu o galardón a Marisa Crespo Leiro, cardióloga “de prestixio internacional” que exerce no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
Santalices trasladou os seus parabéns á premiada e afirmou que “podemos sentirnos verdadeiramente orgullosos de contar entre nós con profesionais de primeira liña como a Dra. Crespo”. O titular do Parlamento loou tamén o papel desempeñado pola cardióloga no campo da docencia e o mundo da investigación, destacando que os seus traballos son “sempre punteiros”.
A actividade cultural, presente nas vilas do interior
O Instituto de Estudios Carballiñeses é unha asociación cultural fundada en 1999, data a partir da cal vén organizando diversas actividades culturais entre as que destaca a publicación da revista Ágora do Orcellón. Santalices Vieira expresou o seu agradecemento ao Instituto pola concesión do premio e a presentación do número 38 da revista. Ao seu xuízo, “o Instituto certifica, coa súa acreditada historia, que tamén nas vilas do interior se pode desenvolver una intensa actividade cultural, desmentindo aos que afirman que non existe masa crítica suficiente”.
A relevancia da ciencia e a investigación
O presidente do Parlamento mostrou un decidido compromiso coa investigación científica e con todos os profesionais vinculados ao sector. Para Santalices, “a humanidade, no seu conxunto, está en débeda coa ciencia e coas vacinas”. “Compre subliñalo sempre – engadiu– e máis agora que todo se edulcora ata o punto de que á mentira mesmo se lle chama posverdade”.
O titular da Cámara galega apuntou tamén que “estamos na que semella a recta final dunha pandemia que puxo de manifesto a vulnerabilidade do ser humano” e que, “una vez máis, os homes e mulleres da ciencia estiveron á altura, proporcionando coidados aos enfermos e tamén investigando e desenvolvendo vacinas nun tempo récord”. “Vacinas -afirmou Santalices– que axiña amosaron a súa eficacia e que só dende a insensatez e a irresponsabilidade se poden cuestionar”.