Concello de ourense

A sala Valente renova a súa actividade coa exposición 'Galicia a un paso de ti'

Composta por 110 fotografías de Adolfo Enríquez, é unha invitación a coñecer, descubrir e redescubrir a grande riqueza arquitectónica, natural e paisaxística.

Óscar Gómez

Ourense |

A sala Valente renova a súa actividade coa exposición 'Galicia a un paso de ti' | onda cero

A mostra 'Galicia a un paso de ti', composta por 110 fotografías de Adolfo Enríquez, renova a oferta expositiva da sala Valente (rúa do Paseo 20), onde permanecerá até o 21 de novembro. A mostra, que pasará polas sete grandes cidades galegas logo de pasearse por medio mundo, amosa Galicia e o seu rico patrimonio histórico, unha invitación aos seus habitantes e a quen a visita a coñecer, descubrir e tamén redescubrir a súa gran riqueza arquitectónica, natural e paisaxística.

“Esta exposición axudará a valorarnos nós mesmos e poderllo contar a quen non o coñece”, valoraba Armando Ojea, tenente de alcalde do Concello de Ourense, durante a presentación. Nese mesmo sentido manifestábase o autor das imaxes, Adolfo Enríquez, quen apuntaba a que a importancia da mostra radica en que “o que se coñece valórase, e o que se valora, protéxese”.

Tamén falaron durante a presentación César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación, para quen “tomar distancia do noso patrimonio a través das fotografías” axudará a poñer en valor a nosa terra; e Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta en Ourense, que se felicitou pola recente declaración da Ribeira Sacra como reserva da biosfera, e animou a espallar a riqueza do noso país a través das fotografías de Adolfo Enríquez.

'Galicia a un paso de ti' é unha mostra producida por Turismo de Galicia, unha exaltación do territorio galego e o seu extraordinario poder de atracción. As circunstancias excepcionais provocadas polo impacto da COVID-19, que limitaron os desprazamentos, serviron tamén para que en cada recanto do planeta os seus habitantes se detivesen a observar o que teñen máis preto, a valoralo e a reflexionar sobre a importancia de preservalo.

As imaxes serven para cativar a quen non coñece Galicia e para convidar a quen a habita a descubrir pequenos paraísos que están ao seu alcance. A exposición convida a viaxar polos lugares máis sorprendentes da xeografía galega sen saír dunha sala de exposicións, á vez que divulga os múltiples destinos onde dirixir os nosos pasos para vivir en bosques frondosos, solpores cheos de luz, pedra feita arte ou camiños de auga, entre outras experiencias.

A exposición permanecerá no céntrico espazo expositivo municipal até o 21 de novembro, e poderá visitarse no seguinte horario:

De martes a sábado, de 11.00 a 13.30 e de 18.30 a 21.30 horas.

Domingos, de 11.30 a 13.30 horas.

Os luns, o espazo permanece pechado.

O autor.

Adolfo Enríquez (Porto do Son, 1965) empezou na fotografía aos 14 anos, por casualidade, cando o seu pai levou á súa casa unha cámara Yashica Electro 35 que atopara abandonada. Desde entón, a fotografía é parte da vida deste autor, convertido nun nomeado profesional cunha gran paixón: os escenarios naturais de Galicia. Unha devoción plasmada en guías e revistas de viaxes; exposicións en varios continentes, e nos libros Cara a Santiago e Sinte Galicia.