Sabores de Trevinca con productos de alta montaña
Os días 17 e 18 de decembro, o concello valdeorrés ofrece esta proposta que conxuga as degustacións, sorteos e stands cos seus produtos típicos, cun escenario de nadal que lucirá polas rúas do municipio cos obxectos de decoración que realizará a propia veciñanza.
O municipio de A Veiga ultima os preparativos para acoller o vindeiro fin de semana, 17 e 18 de decembro, a 3ª edición da Feira Montañas de Trevinca e 5ª edición do Nadal Enxebre, que conta co apoio da institución provincial. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o presidente do Inorde e vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e o alcalde da Veiga, Juan Anta.
O presidente do Inorde dixo que este “tipo de eventos contribúen a poñer en valor os produtos da nosa provincia, desa marca "Ourense Enogastronómica" que forma parte da identidade do noso destino e, por elo, da nosa marca turística”. E, o vindeiro fin de semana, “A Veiga dará boa mostra dilo, con eses produtos elaborados na alta montaña ourensá, sendo unha ocasión idónea para mergullarse na identidade dun municipio que aposta pola revalorización do seu e, por un sector, como o é o agroalimentario, clave no desenvolvemento social e económico da Veiga, pero tamén de toda a provincia”, engadiu Rosendo Fernández.
Ademais, a Feira desenvolverase conxuntamente co Nadal Enxebre “no que a veciñanza do municipio son realmente os protagonistas desta iniciativa xa que son os encargados de realizar os obxectos que decorarán todas estas datas as rúas do municipio, amosando figuras que amosan o gran traballo, a creatividade e a implicación dos veciños e que captan a atención de numerosos visitantes cada ano”, afirmou o presidente do Inorde.
Pola súa parte, o alcalde da Veiga explicou que esta feira nace coa intención de ofrecer unha proposta “para que a veciñanza goce do nadal unidos celebrándoo cos nosos produtos de alta montaña coa decoración do nadal enxebre que é posible grazas á implicación dos veciños que xa comezaron hoxe a decorar as rúas con figuras que tratan de seguir a temática do ano pasado de recrear oficios tradicionais”. Por elo, Juan Anta agradeceu o traballo que fan os veciños por “converter A Veiga nun Belén que atrae a numerosos visitantes, que este fin de semana, teñen a oportunidade de conxugar a súa visita, coa degustación dos nosos produtos”.
Programación
A Feira será inaugurada o sábado, 17 de decembro ás 12.00 horas pola Banda de Gaitas do concello que dará paso a apertura dos stands participantes no evento. A partir das 12.30 horas, haberá degustación de filloas, queixo, crema de castañas, mel, E, por último, ás 18.30 horas, realizarase o sorte de 5 cestas con produtos locais e pecharanse os stands para finalizar con esta primeira xornada. Ao día seguinte, o 18 de decembro, a feira abrirá ás 11.00 horas, e ás 12.00 será a quenda para a degustación de Faba Loba. Ás 14.00 horas, volverá a realizarse o sorteo de 5 cestas con produtos locais que poñerán o broche final desta cita. Ademais, cabe lembrar que por cada 6 euros de compra entregarase un vale para participar no sorteo das cestas e unha cunca para a degustación da faba loba.
O Nadal Enxebre inaugurase tamén o 17 de decembro, e manterá decoradas as rúas do municipio da Veiga ata o 10 de xaneiro, para que os visitantes poidan achegarse durante estas datas ata o municipio valdeorrés e ver esta decoración enxebre.