Rueda salienta o potencial do turismo termal para crear emprego
O presidente da Xunta mantivo un encontro con representantes da compañía Punta 25 Hotels Group, que vai reabrir o balneario de Baños de Molgas.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou o potencial do turismo termal para crear emprego e contribuír á fixación de poboación nos concellos do rural galego.
O presidente autonómico mantivo esta semana un encontro co director xeral de Punta 25 Hotels Group, Agustín Pescador, e outros representantes da compañía que vén de adquirir o balneario de Baños de Molgas co obxectivo de reabrilo como establecemento de 4 estrelas.
al e como se puxo de relevo na xuntanza, o balneario de Baños de Molgas, inaugurado en 1873, é un establecemento emblemático para Galicia e conta cun valor engadido por estar situado en plena Vía da Prata do Camiño de Santiago. O concello, cuxa historia está ligada ás augas termais que lle dan nome desde a época romana, ofrece moitos recursos naturais e patrimoniais que incrementan o seu atractivo turístico.
Apoios ao sector
O Plan de Turismo Termal 2028 ten como obxectivo reposicionar a imaxe de Galicia como destino termal. É unha das medidas incluídas na Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que inclúe outras accións transversais que tamén repercuten no turismo termal.
No marco desta planificación, convocáronse dúas liñas de axudas para a posta en marcha de proxectos tractores que teñan un efecto transformador no sector turístico de establecementos na categoría de hoteis balneario e hoteis talaso da comunidade, para así ampliar a oferta existente de aloxamentos turísticos deste tipo. E tamén para a rehabilitación ou reforma de establecementos deste tipo que xa estean en funcionamento.
Ademais, estase a traballar no desenvolvemento do proxecto Galicia Spa Pilgrimage, unha iniciativa impulsada por Turismo de Galicia que une o termalismo coas rutas xacobeas como novo produto estratéxico para impulsar a desestacionalización e fortalecer o posicionamento internacional de Galicia.