Maiores

Rueda pon en valor o programa "Xuntos polo Nadal" como antídoto contar a soidade

A iniciativa, na que este ano participan 321 persoas, vai destinada a maiores de 60 anos que non queren pasar estas datas sós.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Rueda pon en valor o programa "Xuntos polo Nadal" como antídoto contar a soidade | Onda Cero Ourense

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor o programa Xuntos polo Nadal como un antídoto contra a soidade non desexada. Rueda apuntou que esta iniciativa, destinada a maiores de 60 anos que non queren pasar estas datas sós, é “unha maneira de agradecervos todo o que fixestes” a quen “deu todo durante toda a vida e agora merece que os demais fagamos o posible para que esteades a gusto”.

Así o sinalou o presidente da Xunta durante a súa tradicional visita aos participantes, na que estivo acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García. Nesta edición, están participando na iniciativa 321 persoas, distribuídas en diferentes quendas nas residencias de tempo libre do Carballiño e Nigrán. Rueda visitou a instalación ourensá, onde tamén trasladou o seu agradecemento a todos os traballadores que prestan coidados durante estas datas.

O programa enmárcase nas políticas que está levando a cabo a Xunta co obxectivo de promover o envellecemento activo e a autonomía persoal. Nesta liña de traballo existen outras iniciativas como a Estratexia contra a soidade non desexada, ao abeiro da que este ano se puxo en marcha unha central telefónica e unha rede de apoio a través de farmacias, comercios e organismos veciñais; e outras medidas como Benestar en Balnearios ou o carné +65, que ofrece descontos e beneficios especiais.

Rueda pon en valor o programa "Xuntos polo Nadal" como antídoto contar a soidade | Onda Cero Ourense

Xuntos polo Nadal

Este programa, totalmente gratuíto para os participantes desde 2021, ofrece estadías durante as tempadas de Nadal nas residencias de tempo libre do Carballiño e Nigrán. Este ano por primeira vez os usuarios poden elixir entre a estadía durante todas as festas ou optar por desfrutar do programa só a semana de Nadal ou a de Ano Novo. Nas últimas edicións era só unha quenda, desde Noiteboa ata o día de Reis.

A iniciativa inclúe aloxamento en habitacións compartidas, pensión completa, actividades de animación sociocultural e o traslado en autobús desde as principais cidades, tanto na ida como na volta.