Rueda enxalza a contribución das denominación de orixe vitivinícolas ao emprego
Agradeceu o labor de todos os viticultores e adegueiros por facer que a marca Galicia Calidade siga acompañando á comunidade e apostar polo rural para xerar riqueza.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a contribución que realizan as Denominacións de Orixe do viño ao emprego, a cultura e a tradición galegas. O titular do Goberno autonómico visitou, acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, a adega Casar de Vide, pertencente á Denominación de Orixe Ribeiro. Unha adega, destacou Rueda, que contribúe a que este ano a vendima estea acadando cifras históricas, xa que nestas semanas alcanzáronse preto de 76 millóns de quilos de uva o que a converte nunha das colleitas máis abundantes da historia de Galicia.
Así, destacou que a DO Ribeiro, a máis antiga de Galicia, recolleron 11,4 millóns de quilos no que vai de campaña, fronte aos 10 que se viñan rexistrando de medio nos últimos anos. A este respecto, o presidente da Xunta agradeceu o labor de todos os viticultores e adegueiros por facer que a marca Galicia Calidade siga acompañando á comunidade e apostar polo rural para xerar riqueza.
Alfonso Rueda lembrou que o sector vitivinícola dá emprego a máis de 10.000 traballadores en toda Galicia en preto de 500 adegas e xera un valor económico de produción en orixe de case 300 millóns de euros. Unha cifras que se complementan con outras actividades como o enoturismo, que cada vez atrae a máis visitantes fóra da tempada alta que supón o verán.
Así, o presidente da Xunta garantiu o apoio do Executivo autonómico ao viño galego poñendo en marcha medidas de ordenación, fomento e promoción da actividade para garantir a súa prosperidade e calidade, ao tempo que lles desexou ánimo aos profesionais do sector para esta recta final da vendima.