Rueda destaca a Galicia como rexión productora de carne de referencia
Rueda destaca que a estratexia de dinamización do sector cárnico marca eixos fundamentais como o fomento dunha industria competitiva ou un mellor posicionamento nos mercados nacionais e internacionais.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sitúa Galicia como rexión produtora de referencia no sector cárnico cun alto nivel de competitividade e sustentabilidade. O titular do Goberno galego remarcou as posibilidades deste eido no acto de presentación da nova Estratexia de dinamización do sector cárnico que tivo lugar no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia no Pazo de Fontefiz, no concello ourensán de Coles.
Esta nova estratexia configúrase como unha folla de ruta que marca seis eixos para desenvolver ata o ano 2030, con 64 medidas e 174 accións. Tal e como indicou o presidente da Xunta, preténdese dispor dun sector organizado e profesionalizado para fomentar unha industria competitiva, líder en calidade, ademais de mellorar o posicionamento nos mercados nacional e internacional e promover unha cadea de valor máis transparente e equilibrada. A iniciativa pretende tamén fomentar unha sociedade concienciada coa importancia da produción cárnica galega e o seu valor nutricional, así como camiñar cara un sector máis sustentable que coide o medio ambiente e garanta o benestar animal.
Alfonso Rueda, que acudiu acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, indicou que para a elaboración da Estratexia de dinamización do sector cárnico levouse a cabo un exhaustivo traballo previo de análise, diagnose e diálogo co obxectivo de reforzar as posibilidades dun sector que “afronta unha situación moi complexa” e que ten unha gran relevancia para Galicia, como demostra o feito de que achegue máis do 34 % do valor da produción final agraria, que sume máis de 43.000 explotacións e 192 industrias de transformación e que empregue uns 5.800 traballadores. “Estamos traballando xuntos e estamos acertando xuntos”, asegurou o presidente, quen puxo en valor tamén as posibilidades do sector primario en Galicia.
Rebaixa do IVE
Alfonso Rueda indicou que, deste xeito, a Xunta ofrece seguridade e planificación a un sector fundamental no desenvolvemento económico de Galicia, e lamentou que o Goberno central non faga o mesmo e que, pola contra, contribúa a aumentar as incertezas que planean sobre o seu futuro deixando o peixe e a carne fóra da recente baixada do IVE malia ser “alimentos de primeira necesidade”.
A do sector cárnico é a terceira estratexia que se desenvolve na Comunidade para potenciar os eidos produtivos do agro galego, tendo en conta que xa están en marcha a Estratexia de dinamización do sector lácteo e a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas.
O presidente da Xunta salientou que esta folla de ruta é un paso máis no apoio do Goberno galego ao sector que se suma a outras iniciativas promovidas en situacións críticas como a pandemia ou a guerra de Ucraína que deron de cheo no sector cárnico. Anticipos bancarios para adiantar as axudas da PAC ou achegas extraordinarias para o sector, liñas de crédito ou unha campaña de apoio á produción amparada polo selo Ternera Gallega Suprema foron algunhas das medidas adoptadas pola Xunta que se completan con accións no eido normativo como a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia ou a futura Lei da calidade alimentaria.
Neste sentido, cabe facer especial fincapé na posta a disposición por parte da Xunta de 17 millóns de axudas directas para os gandeiros da carne o pasado verán, a través de anticipos de entidade bancaria. Unhas axudas que se convocarán de xeito formal o próximo venres 13 de xaneiro.