Pistas Deportivas

Renovación da pista de atletismo do complexo de Monterrei

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou que as melloras realizadas permitiron contar coa homologación da Real Federación Española de Atletismo, ao cumprir cos requisitos esixidos.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Renovación da pista de atletismo do complexo de Monterrei | Xunta de Galicia

Diego Calvo puxo en valor que estas melloras súmanse ao investimento de máis de 1 millón de euros realizado en 2021 para transformar a área deportiva do complexo. Así, actualmente, xunto coa renovada da pista de atletismo, as persoas usuarias teñen á súa disposición para a práctica deportiva outras instalacións como unha cancha polideportiva, dúas pistas de tenis, catro pistas de pádel e unha pista de pump track.

Esta contía de 1 millón de euros corresponde á fase 0 das obras no complexo lúdico e deportivo de Monterrei executadas pola Xunta ás que se engaden as actuacións da fase 1 do parque acuático que se realizaron en 2023 e 2024 coa posta en marcha, entre outros servizos, das piscinas infantil, de relax e de ondas, así como unha zona de splash, unha zona de xogos e varias atraccións. En conxunto, supón un investimento de 9 millóns de euros por parte do Goberno galego, no marco da colaboración coa Deputación provincial de Ourense, á que lle corresponde a execución das tres fases pendentes do parque acuático. Así, xa o ano pasado se licitaron por 3,7 millóns de euros as fases 3 e 4, que inclúen novos tobogáns e un parque multiaventura e a fase 2, cunha zona de relax cun río lento e espazos verdes.

Cómpre aclarar que ao orzamento destinado aos traballos para incrementar e mellorar as instalacións tanto da zona deportiva como do parque acuático, hai que engadir a aportación que cada ano a Xunta realiza no mantemento do complexo. Así, de cara a campaña de verán, xa se licitou por case 1 millón de euros a xestión integral do recinto coa previsión de contratar máis de 70 persoas para os servizos de socorrismo, atención sanitaria, así como para mantemento, limpeza, acceso, cafetería e equipo de supervisión.

O conselleiro de Deportes incidiu en que o complexo de Monterrei, coa súa área deportiva e o parque acuático, constitúe un dos principais espazos de lecer familiar e para a práctica de actividade física da comunidade e demostra o compromiso da Xunta coas infraestruturas deportivas que permitan o fomento do deporte entre a poboación, neste caso aproveitando o espazo natural da contorna.