Reforestación

Reforestación no monte da Caridade de Monterrei na que formaron parte varios centros educativos

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez recorda que o prazo para solicitar as achegas para a reforestación tras corta de madeira ampliouse e estará aberto ata o 7 de maio.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Reforestación no monte da Caridade de Monterrei na que formaron parte varios centros educativos | Xunta de Galicia

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez participou nunha acción directa de reforestación no monte da Caridade, organizada pola asociación Amicos en colaboración con Vegalsa Eroski, nunha zona que se viu afectada pola vaga de lumes do pasado ano. “É unha acción importante para dar vida a este monte, pero tamén porque serve para que os escolares se sensibilicen co coidado do medio ambiente”, destacou.

Nesta iniciativa tomaron parte máis dun centenar de alumnos de tres centros educativos da contorna, co fin de divulgar a riqueza forestal de Galicia e de sensibilizalos sobre este asunto. “Estes nenos son os que van a garantir que o medio rural siga tendo vida e é importante facelos partícipes desta reconstrución do monte”, sinalou. A acción consiste na plantación de máis de 2.300 exemplares de piñeiros, cerquiños e carballos nunha superficie de máis de dúas hectáreas, co fin de facilitar a recuperación ambiental deste terreo, que se viu afectado polos lumes do pasado verán.

A conselleira enmarcou esta actividade no labor que vén desenvolvendo o Goberno galego e, neste sentido, salientou os preto de 8,5 millóns de euros cos que está dotada a novidosa liña de axudas convocada este ano para a reforestación tras corta de madeira. Lembrou, ademais, que o prazo para presentar solicitudes ampliouse e “segue aberto ata o 7 de maio”.

Gómez explicou que se trata dunha tripla liña de apoio, en función das especies que se utilicen, e así apóiase por un lado a reforestación produtiva de coníferas, por outro de frondosas e, especificamente, de chopo. Tamén detallou que poden beneficiarse destas achegas os titulares dos terreos obxecto da actuación, así como as comunidades de montes veciñais en man común, as agrupacións forestais de xestión conxunta e aquelas persoas silvicultoras activas que estean inscritas no rexistro correspondente. O financiamento executarase durante este ano e o vindeiro.