Recuperación da Festa da Vendima da Vila da Monterrei
O presidente do goberno provincial resaltou, que se celebrará este sábado 22 de outubro, a implicación da Deputación co “sector do viño coma un gran eixo vertebrador e dinamizador do territorio”
A vila de Monterrei acollerá este sábado, 22 de outubro, a primeira edición da súa Festa da Vendima, “un evento chave para seguir visibilizando o viño de Monterrei e os produtos agroalimentarios locais”, segundo resaltou o presidente da Deputación. Manuel Baltar definiu o apoio da Deputación a esta festa coma “non unha obriga, senón un deber e ademais un novo exemplo da importancia da cooperación público-privada”, coa implicación, ademais do goberno provincial, a Xunta de Galicia, CRDO Monterrei e o propio Concello, ademais das adegas e empresas locais.
O presidente da Deputación lembrou que a recuperación desta festa nace dunha reunión celebrada o 20 de outubro de 2021 no Pazo Provincial -coa presenza do propio Manuel Baltar, Lara da Silva, José Luis Suárez e o conselleiro de Medio Rural, José González-, enmarcándoa na “planificación do goberno provincial, porque nesta xuntanza incluso xa lle puxemos a data para a celebración desta primeira edición” e a “nosa máxima implicación” co sector do viño, coas liñas de cooperación abertas coas catro DO: “Son un eixo vertebrador de desenrolo e actores clave na dinamización do territorio, como se pode apreciar perfectamente nesta comarca. E por iso estamos esta mañá aquí, visibilizando o esforzo colectivo que se traduce nunha Festa da Vendima que se vai a consolidar como unha cita ineludible no calendario”.
Manuel Baltar valorou esta mañá a decidida aposta da Deputación pola comarca de Monterrei, que se suma ás liñas de apoio impulsadas pola propia Xunta de Galicia ademais do “excelente traballo do Consello Regulador e a súa presidenta, Lara da Silva”.
O alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, agradeceu o apoio das administracións públicas e o traballo de todo o persoal implicado na organización dun “día de festa, de poñer o ‘ramallete’ á nosa vendima a través dunha intensa programación, con expositores, feira de produtos locais e reivindicación da cultura popular”.
O delegado da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, valorou a importancia desta iniciativa para “a posta en valor este extraordinario produto, o viño de Monterrei, nunha comarca de gran potencial e que tamén conta co plan estratéxico deseñado pola Xunta para seguir crecendo”.
Pola súa banda, a presidenta do Consello Regulador da DO Monterrei, Lara da Silva, destacou a recuperación dunha Festa da Vendima da Vila de Monterrei que “enxalza a importancia do sector vitivinícola, a primeira potencia económica da comarca”. Lara da Silva, que agradeceu o respaldo da Deputación de Ourense -“o meu camiño como presidenta da DO é máis sinxelo grazas a este goberno provincial”- e a Xunta de Galicia, destacou o deseño da programación, “con especial importancia para os produtos con selo de calidade”, e dentro da que se inclúe a celebración do Día do Movemento Viño DO, “que nos sirve para reivindicar a necesidade de apoio lexislativo para o sector”.
Programación da primeira edición da Festa da Vendima da Vila de Monterrei
A primeira edición da Festa da Vendima da Vila de Monterrei terá unha entrada única de 5 euros. Durante todo o sábado celebrarase unha feira de produtos agroalimentarios, ademais de actividades infantís, pulpeira e animación musical a cargo do Rancho folclórico de Sao Tiago de Mirandela, Castro Floxo, Gaiteiros de Flariz e Gaiteiros de Medeiros.
A programación deseñada pola organización inclúe:
>12,30 horas: Os grupos de folclore comezan a música, cantos e bailes mentres camiñan cara á Finca de San Francisco, seguidos dos asistentes.
>12,45 horas: Saída dos carros cargados cos vendimos, que son recibidos con bailes e cantos polos grupos e público.
>13,00 horas: Folión dos carros polo Paseo das Damas, con música e baile.
>13,00 horas: Chegada dos carros á Viña do Conde, descarga das uvas e pisado
>14,00 horas: Proba do Mosto
>14,30 horas: Degustación de porcos asados ao espeto e viños da DO Monterrei. Foliada Aberta
>17,30 horas: Concerto de Brañas Folk
>19,00 horas: Remate da festa