Ourense Cidade

Rafa Villarino recolle as demandas dos empresarios do polígono de Barreiros

Comparten as preocupacións deste polígono do cinto industrial ourensán e confirman a súa intermediación para executar propostas “que xa deberían estar feitas desde hai tempo”, asevera Villarino.

Óscar Gómez

Ourense | 21.04.2023 08:08

Rafa Villarino recolle as demandas dos empresarios do polígono de Barreiros | onda cero

Rafa Villarino, recolleu as demandas e necesidades dos empresarios e empresarias do polígono Barreiros, outra das grandes áreas empresariais do cinto industrial da capital ourensá. O líder socialista estivo acompañado do secretario provincial de Industria e Desenvolvemento, Darío Barros; do secretario provincial de Relacións Internacionais, David Alvarado; da integrante da candidatura neste municipio, Rosa Martínez; e dos empresarios Gerardo Mosquera e José Gallardo.

Nun encontro con Alejandro Cruz, presidente da Asociación de Empresarios do polígono Barreiros, Villarino destacou a “relevancia económica” desde parque no conxunto da oferta empresarial e industrial da provincia, debido ás voluminosas actividades comerciais que nel teñen lugar, así como a súa estratéxica situación. Tamén amosou a súa “máxima preocupación” polas reclamacións do sector que as administracións públicas, polo de agora, non executaron.

O saneamento do polígono, que suma 2.000 traballadores e traballadoras nun cento de empresas, é unha das principais preocupacións de Barreiros, debido á insuficiencia absoluta da actual infraestrutura. Tamén a inmediata sinalización das paradas das liñas de autobús metropolitano ao longo do municipio, xa que, actualmente, non existe ningún tipo de sinal identificativo, o que dificulta moito a usabilidade deste servizo. Igualmente amosan preocupación pola necesidade de modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de San Cibrao, co fin de ampliar a superficie do parque que rexistra unha elevada demanda de novo solo empresarial.

Os e as socialistas “comparten” todas estas preocupacións dos empresarios e empresarias e confirman a súa “intermediación” desde as institucións provinciais e municipais, co fin de materializar as propostas “á maior brevidade posible”. “Son peticións básicas que xa deberían estar feitas”, asevera Villarino.

Desde o PSdeG-PSOE defenderon novamente un “proxecto global de provincia” que permita “ordenar” o territorio e as súas actividades, para facelo “máis atractivo e produtivo” en ámbitos como o comercio de alto valor engadido, a intelixencia artificial, a innovación na produción e transformación agrícola ou a captación de investimentos de sectores estratéxicos en crecemento.

“Queremos concretar as estratexias e liñas de negocio que máis interesan en Barreiros para poder deseñar, desde as institucións públicas, un proxecto económico sólido para San Cibrao das Viñas e para o conxunto da provincia de Ourense”, sinala Villarino e, por iso, tamén comunicou á asociación empresarial a intención de abrir unha oficina de colaboración en materia de recursos humanos e financiamento na Deputación Provincial.

O candidato e secretario provincial asegura que as actividades asentadas en Barreiros tamén deben ser protagonistas dos novos retos económicos e empresariais da economía ourensá, baixo o pulo da “transición enerxética e a dixitalización” e ao amparo dos fondos da Unión Europea do plan Next Generation e do resto de instrumentos públicos comunitarios destinados aos sectores produtivos de carácter privado.