O Psoe urxe pór en marcha un plan de prevención do acoso homofóbico
Os socialistas alertan da alarmante proliferación dos delitos de odio por cuestións de orientación sexual ou identidade de xénero e instan ao PP a deixar de “branquear o discurso homófobo da ultradereita”
O PSdeG-PSOE de Ourense vén de instar ao Concello de Ourense a elaborar e pór en marcha, de forma inmediata, un plan municipal de prevención do acoso homofóbico, bifóbico e transfóbico, así como a dar os pasos necesarios para facer da cidade un destino LGTBI-friendly de referencia, en cumprimento dos acordos plenarios aprobados pola corporación local en 2016 e 2018, e ante o alarmante aumento de delitos de odio motivados por cuestións de orientación sexual ou identidade de xénero nos últimos meses.
“Ourense ostenta o triste récord de ser a única cidade galega sen programación polo mes do Orgullo”, lamentou a concelleira Concha García, ao tempo que asegurou que o desleixo do executivo encabezado por Jácome pon de claro manifesto o seu “nulo compromiso coa diversidade”, unha cuestión que para os socialistas é “fundamental” para reivindicar unha sociedade “máis xusta, igualitaria e libre”.
Neste sentido, García esixiu que o goberno local dea cumprimento de dúas iniciativas socialistas que foron levadas a pleno durante o anterior mandato do Partido Popular e que a día de hoxe seguen “pechadas nun caixón”. Concretamente trátase dunha moción de xuño de 2016 na que o PSdeG-PSOE instaba ao goberno local a elaborar un plan municipal para prever o acoso ao colectivo LGTBI+ e a establecer medidas educativas para abordar a pluralidade familiar, sexual e de xénero nos centros de ensinanza; e outra iniciativa de xullo de 2018 na que os socialistas pedían unha campaña de promoción de espazos libres de LGTBIfobia na cidade e a declaración de Ourense como cidade LGTBI-friendly.
“Como ben sabemos, o dereito a unha educación sen discriminación por identidade de xénero ou inclinación sexual está recollida na Convención sobre os Dereitos do Neno do ano 1990, e debe ser obxecto de acción permanente na axenda social e política”, sinalou a concelleira socialista, quen reclamou que o goberno local adopte “un compromiso serio” en traballar nun programa municipal para deter o acoso homofóbico, bifóbico e transfóbico, “como xa vén demandando o grupo municipal socialista dende o 2016”.
A concelleira defendeu que “as entidades municipais teñen un papel fundamental para promover unha ensinanza sen discriminación por homofobia e transfobia, posto que a Lei Reguladora das Bases de Réxime Local recolle o dereito dos municipios para exercer competencias propias en materia de educación”, polo que dende o grupo municipal socialista urxen a posta en marcha de “plans específicos contra o acoso LGTBI+” por parte do goberno local.
Retroceso democrático
Pola súa banda, o voceiro municipal socialista, Rafa Villarino, lembrou que “os acontecementos dos últimos días evidencian algo que o Ministerio do Interior xa puxo sobre a mesa; que os delitos de odio por cuestións de orientación sexual ou identidade de xénero están por riba de outros cometidos por cuestións de raza ou etnia”.
Neste sentido, o socialista amosou a súa repulsa ante a actitude do Partido Popular, a quen acusa de “branquear o discurso homófobo de grupos de ultradereita que desencadean un retroceso democrático para esta cidade e para este país”. Ademais, Villarino apelou á necesidade de que o Concello de Ourense deixe atrás a “pasividade”, posto que “alenta a normalización da homofobia”.
“Telmo Ucha dixo que non estaba na súa axenda ter ningún tipo de acto nin consideración polo día do Orgullo cara a colectivos que hoxe precisan apoio social. Os socialistas avogamos por outro xeito de actuar, que ten que ver cunha sociedade avanzada, algo polo que temos que loitar todos e defender hoxe máis que nunca”, concluíu.