Concello de Ourense

Para o Psoe a subvención do estado e unha oportunidade "única" para Ourense

Destínanse 2 millóns á adquisición de autobuses eléctricos; 1.94 para a mellora e ampliación de zonas peonís no centro histórico da cidade; 580.786 € para acougar o tráfico rodado; e 225.000 € para a adquisición de dispositivos de recarga de autobuses eléctricos

Óscar Gómez

Ourense | 24.02.2022 19:18

O Psoe denuncia a última viaxe de Baltar a Bruselas pagada con cartos públicos | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense destaca que os 4.753.953 € que o Goberno central destina, a través das axudas do Ministerio de Transporte, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, para proxectos de mobilidade sostible na cidade de Ourense son unha “gran oportunidade” para construír un Ourense “sostible”.

Dende o grupo municipal socialista queren pór en valor esta aposta “decidida” do executivo encabezado por Pedro Sanchez pola cidade, trala resolución da primeira convocatoria do Mitma, coa que se busca “unha mobilidade sostible e modernizar os servizos de transporte público”. Esta convocatoria foi aberta o pasado mes de setembro e forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, en concreto do compoñente 1 do Plan.

é unha oportunidade única na historia da cidade

No relativo a Ourense, e a eses 4,75 millóns de euros, destínanse 2.000.000 a adquisición de autobuses eléctricos; 1.948.148,26 € para a mellora e ampliación de zonas peonís no centro histórico da cidade e da súa zona de influencia; 580.786,74 € para actuacións relativas a acougar o tráfico rodado; e 225.000 € para a adquisición de dispositivos de recarga de autobuses eléctricos.

Para o PSdeG-PSOE de Ourense esta “é unha oportunidade única na historia da cidade para impulsar accións que redunden na mellora da calidade de vida da cidadanía”. Os socialistas afirman que con esta liña de axudas o Goberno “busca acelerar a descarbonización das cidades, mellorar a calidade do aire e mitigar o ruído, mediante o impulso de zonas de baixas emisións, a transformación sostible do transporte público e a dixitalización da mobilidade”.

Os socialistas tamén critican que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, “minta descaradamente” nos comunicados que remite aos medios, co único obxectivo de “confundir a opinión pública, xa que está inmerso en campaña electoral e quere tapar as súas vergoñas e o seu desleixo á cidade e as súas xentes”. Dende o seo do PSdeG-PSOE de Ourense tamén lembran que estas axudas non están ligadas a famosa modificación de crédito coa que Jácome pretende “hipotecar” as arcas municipais, xa que son unha aportación “directa” do Estado.

O PSdeG-PSOE de Ourense tamén lle lembra ao alcalde de Ourense que “non pode sacar peito”, xa que tal e como apuntan, o goberno municipal “vén de perder varias convocatorias en materia de mobilidade sostible e dinamización comercial, que houbesen servido para dinamizar dous sectores moi importantes para Ourense como son o turismo e o comercio”. Ante esta situación os socialistas esíxenlle que se “poña a traballar” e que “cumpra” cos prazos marcados na resolución, xa que tal e como apuntan “non podemos permitir que ocorra o mesmo que coa praza de abastos n 1”. Neste senso os socialistas tamén recordan que o propio Jácome perdeu 3,5 millóns de euros para a Praza de Abastos, polo que lle piden que “non volva a empregar as mesmas artimañas con esta nova liña de axudas, xa que senón executa o proxecto ou o executa sen axustarse ás condicións, debería devolver os cartos”.

Estes proxectos deberán estar rematados antes do 21 de decembro de 2024 e ademais, a resolución contempla que todos eles deberán estar licitados antes do 30 de abril deste ano e adxudicados, alo menos un 60% da súa totalidade, antes de finais de novembro.