O Psoe reclama unha distribución equitativa dos fondos europeos que recibe a deputación
Villarino destapou que o goberno de Baltar anunciou o 15 de setembro o traslado da convocatoria aos municipios pero, tres meses despois, aínda non concretou os criterios para repartir estes cartos públicos.
O PSdeG-PSOE reclama a distribución xusta e equitativa dos fondos comunitarios que a Deputación de Ourense recibirá a través do Goberno de España, para a dixitalización e modernización dos concellos da provincia. A través dunha iniciativa, os e as socialistas queren que o goberno de Manuel Baltar “evite outro dos seus repartos caciquís, en base a prebendas e criterios clientelares” do case millón e medio de euros europeos (1.391.678) consignados directamente á institución.
Concretamente reclaman ao goberno provincial “executar unha distribución dos fondos públicos que recibirá do Goberno de España, para impulsar a transformación dixital e modernización das administracións das entidades locais fundamentada, en todo caso, en criterios obxectivos, xustos e equitativos”. No marco deste programa do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, tamén demandan “impulsar proxectos especialmente dedicados á protección da poboación máis vulnerable e, en particular, a aqueles que teñan por obxecto reducir a fenda dixital e favorecer o funcionamento da atención ás persoas maiores e dependentes”.
Desde o PSOE ourensán apoian ao Goberno central por “ter conseguido fondos da UE para a dixitalización”, permitindo aos concellos avanzar na ansiada modernización de servizos, cunha convocatoria que “beneficia especialmente a provincias como Ourense, ao recibir unha porcentaxe de axudas por encima do seu peso poboacional”. A nosa provincia representa menos do 0,7 % da poboación, pero na distribución superamos o 0,9 % do fondo total dispoñible.
O voceiro, Rafa Villarino, asegurou que “tan pronto como tivemos noticia destas axudas, informamos aos concellos socialistas para que trasladaran á Deputación as súas necesidades” e, ao mesmo tempo, enviaron unha solicitude ao goberno provincial para que concretara os “criterios a empregar” ante uns fondos que “chegan a Ourense de xeito totalmente obxectivo”. “A Deputación respondeunos o 15 de setembro dicindo que ían trasladar a convocatoria a todos os concellos pero, a día de hoxe, aínda non dixeron cales serán os criterios a empregar na distribución”, denunciou o líder socialista.
Estamos ante unha gran oportunidade que a Deputación nin pode nin debe deixar pasar
O deputado, Diego Fernández, resaltou que “esta moción é un bo exemplo do que levamos traballado durante os últimos anos en dúas liñas: progreso e igualdade”. “Pelexamos día tras día para lograr o progreso e neste sentido, a nosa provincia, non é o mellor exemplo”, lamentou antes de aseverar que “non deberíamos ter que solicitar, pleno tras pleno, un reparto xusto e equitativo porque é algo natural en todos os sitios menos aquí”. “Se isto non chega neste semestre que queda antes das eleccións locais, chegará en 2023 cun goberno socialista nesta Deputación”, remachou.
“Estamos ante unha gran oportunidade que a Deputación nin pode nin debe deixar pasar”, resaltaron os e as socialistas antes de recordar que o Consello de Contas vén de facer público un novo informe no que conclúe que “é a institución provincial que menos axudou aos municipios á implantación de melloras para implantar e fortalecer a administración electrónica”.
“Defendemos un tratamento plenamente democrático destes recursos, xa que está comprobado que nesta institución, o PP e os seus socios e socias, seguen a apostar por un sistema inxusto e desigual” que “pode provocar casos de nepotismo, ineficiencia, malgasto ou incluso corrupción”, insistiron.
Para concluir, o Grupo Provincial Socialista recorda que os fondos públicos que distribúe a Deputación de Ourense “outórganse reiteradamente sen ningún tipo de criterio obxectivo e equitativo, mediante prácticas desterradas das institucións democráticas” que, na nosa provincia, unicamente serven para “retroalimentar redes clientelares e provocar maiores desigualdades”, incumprindo claramente o fin e o espírito destas axudas comunitarias.