O Psoe reclama medidas urxentes conta a situación de seca na provincia
O Psoe levará unha iniciativa ao vindeiro pleno da Deputación de Ourense para instar á Xunta a crear e dotar un fondo destinado a axudar aos pequenos concellos a facer fronte a situacións de emerxencia por seca
A través desta moción, as e os socialistas instan á Xunta de Galicia a crear un fondo destinado a axudar aos pequenos concellos para facer fronte a situacións de emerxencia pola seca e outras adversidades climáticas, ao tempo que esixirán que se poña en marcha liñas de axudas dende o organismo provincial para axudar a desenvolver proxectos de obras de abastecemento de auga que os pequenos concellos non poden afrontar por falta de recursos.
se prognostican períodos de seca máis fondos e prolongados
“A medida que o quecemento global do planeta se incremente, os seus efectos serán máis perceptibles dentro do ciclo hidrolóxico, motivo polo que se prognostican períodos de seca máis fondos e prolongados que requiren, máis que nunca, a planificación, os mecanismos de control e a cooperación entre administracións para a xestión dun problema que chegou para quedarse”, sinalan dende o grupo socialista provincial.
Así mesmo, no texto da moción as e os socialistas salientan que a situación hidrolóxica é “preocupante” non só en Galicia, senón en toda España, cos encoros ao 35,9 % da súa capacidade total, “o valor máis baixo para estas datas dende 1995”, unha situación que se agrava coa falta de choiva, que suma acumulados un 30 % inferiores aos habituais nestas datas.
“No contexto internacional a situación é semellante, onde nos atopamos con países como Francia, Reino Unido ou Italia afrontando situacións de seca que van camiño de seren as máis graves dende que existen datos, como así o confirman organismos oficiais coma o Observatorio Global da Seca da Unión Europea ou o Programa Copernicus”, aseguran dende o grupo socialista, ao tempo que sinalan que esta situación é extrapolable “ao noso contexto local máis próximo”, con Ourense, Lugo, León e Zamora en estado de seca prolongada dende hai meses.
Deslealdade institucional por parte da Xunta
“Por iso sorprende que, ante unha situación de tal magnitude e proporción, que requiriu que varios concellos da provincia, entre eles Ribadavia, tiveran que aplicar medidas excepcionais co fin de garantir o abastecemento de auga potable, a Xunta de Galicia decidise optar pola vía da irresponsabilidade, dándolle as costas á veciñanza nun momento de gran necesidade”, lamentan.
Neste sentido, o deputado provincial Nacho Gómez enxalzou a exemplar actuación do Concello de Ribadavia para combater a “seca sen precedentes” na vila, fronte á “vergoñenta falta de cooperación por parte da Xunta de Galicia”, á que acusou de “deslealdade institucional”.
“Nós, dende o primeiro día que decretamos a urxencia cunha alerta especial para este tipo de cuestións, agardabamos que algún responsable da Xunta se preocupara de levantar o teléfono para ofrecernos axuda de calquera tipo, posto que naquel momento todas as administracións locais próximas e a Deputación xa estaban colaborando con nós”, lembrou Gómez, quen manifestou que “aqueles que teñen as competencias e a capacidade económica para ofrecer axuda, deberían ter amosado esa sensibilidade e empatía coa vila de Ribadavia”, que precisa “unha captación permanente e estable que impida un novo desabastecemento”.
Así mesmo, o deputado apuntou ao carácter “construtivo” dunha moción que ten como obxectivo establecer “un compromiso”, de xeito que tanto Ribadavia coma outros concellos da provincia estean equipados e dispoñan dos recursos económicos e técnicos necesarios para garantir o subministro nos seus núcleos.
Pola súa banda, o voceiro dos socialistas na Deputación de Ourense, Rafa Villarino, condenou os ataques en clave electoralista da Xunta ao Concello de Ribadavia e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil “cando a veciñanza estaba, literalmente, sen auga potable”. Neste sentido, Villarino instou ao executivo autonómico a “dar respostas, trasladarse a Ribadavia para comprobar a realidade da grave situación que está a padecer a vila e pór a disposición os recursos necesarios para dotar o núcleo dunha abastecemento de auga potable estable.