O Psoe reclama o goberno central alternativas a actual estación intermodal
Os socialistas mantiveron encontros co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia co fin de recoller achegas para mellorar o proxecto máis relevante deste século
O PSdeG-PSOE de Ourense reclama ao Goberno central “alternativas urxentes” ao actual proxecto de estación intermodal da terceira cidade de Galicia, xa que debe ser unha obra “digna e de calidade”, condicións que a proposta en marcha non reúne. Os socialistas consideran que é urxente modificar este deseño porque a súa materialización será “obviamente prexudicial” para o presente e o futuro da urbe e, por iso, rexistraron unha emenda que se debaterá e votará no pleno municipal. “Estamos ante o proxecto máis relevante para a cidade neste século”, advirten.
A iniciativa reclama que o Goberno de España “busque de maneira urxente alternativas” ao proxecto dunha intermodal que será a “porta de entrada” da alta velocidade a Galicia e que “debe ser digna, de calidade e estar adaptada ás necesidades de integración urbana da cidade”. O PSdeG-PSOE resalta que esta modificación “non suporía ningún tipo de atraso nos prazos para a chegada do AVE”, previsto para finais deste mesmo ano 2021.
Esta emenda a unha moción do PP igualmente demanda a “convocatoria urxente” da comisión de seguimento do convenio de colaboración para o desenvolvemento da futura estación intermodal e o seu entorno urbano, co fin de “proceder á redacción dun novo convenio ou modificación do actual”, para que “se recollan os compromisos e as actuacións vitais e irrenunciables para a chegada do AVE”.
Entre estas actuacións que os socialistas de Ourense reclaman ao executivo central citan “a variante exterior; un proxecto de estación intermodal digna e de calidade; solucións da afectación dos núcleos periurbanos (Seixalbo, Oira, Peliquín, Mende, etc.); e un anexo de financiamento de todas as obras cos seus prazos correspondentes”. Por último, o texto tamén propón instar ao Goberno de España a que “continúe a cumprir os compromisos orzamentarios e de licitación da variante exterior nos próximos anos”.
Reunións para buscar achegas ao proxecto
O voceiro do grupo municipal socialista na cidade, Rafa Villarino, e a vicevoceira, Natalia González, iniciaron hoxe unha rolda de contactos co obxectivo de reunir achegas para reclamar estas melloras do proxecto da nova estación intermodal ao Goberno central e á Xunta de Galicia.
Así, o primeiro destes encontros produciuse no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), onde os socialistas mantiveron unha sesión de traballo co presidente da delegación ourensá, Rafael Castro, e co secretario, Abel Mares. Durante a reunión, os representantes dos arquitectos fixeron especial fincapé na importancia de buscar unha solución eficaz para a integración urbanística da estación intermodal na cidade, un aspecto “crucial” que, ao seu xuízo, “non está debidamente solucionado” no actual proxecto.
Ademais, reiteraron que “Ourense é o enlace de Galicia coa meseta”, e que “se a variante exterior se complementase cunha intermodal digna, estariamos ante un gran logro”. Non obstante, advirten de posibles dificultades técnicas a respecto da adaptación do proxecto actual á variante exterior, e aconsellan facer as adaptacións pertinentes “desde o principio” para así evitar “ter que cambiar o proxecto no futuro”.