O Psoe reclama a Deputación de Ourense que se poña do lado dos gandeiros
Os socialistas solicitan a intervención da Deputación de Ourense para lograr da Xunta “indemnizacións consecuentes”.
O grupo provincial socialista aperta para que a Deputación se poña a carón dos gandeiros ourensáns e requira da Xunta de Galicia un incremento dos complementos autonómicos ás axudas estatais dirixidos aos afectados polos baleirados sanitarios. A lei obriga ao sacrificio dos animais que dean positivo en tuberculose, mesmo os que son asintomáticos.
non é suficiente para empezar de novo
Entre o que se paga por animal sacrificado, o que sufraga o matadoiro pola carne de bovino e a axuda pública de 5.000 euros por trimestre por lucro cesante, os gandeiros reciben entre 1.000-1.200 euros por cabeza de gando. 'Este monto non é suficiente para empezar de novo', afirma Emilio Díaz. As axudas que a Xunta de Galicia contempla non cobren o global de perdas dos gandeiros.
O Programa nacional de erradicación da tuberculose bovina prescribe o sacrificio dun rabaño enteiro de mediar algún caso positivo, aínda que sempre en función da prevalencia na comunidade. No caso de Galicia, onde a prevalencia é de 0, o máis mínimo positivo en tuberculose implica case que automaticamente o baleirado sanitario dunha explotación enteira. Foi o que ocorreu o pasado mes de marzo nunha granxa de vacas da aldea de Palleirós, no concello de Manzaneda, que tivo que sacrificar todas as súas reses tras detectarse uns poucos casos illados de tuberculose bovina.