O Psoe pide melloras nos horarios e frecuencias dos trens de media distancia, Avant e AVE
A iniciativa presentada pide a Renfe e o Ministerio de Transportes, entre outras cousas, a ampliación no horario do Avant engadindo un novo servizo ás 21:00 horas no sentido A Coruña>Santiago>Ourense.
O PSdeG-PSOE de Ourense levará ao pleno ordinario municipal desta semana unha moción na que insta aos demais grupos políticos a defender unha mellora nos servizos dos trens que inclúe un aumento das frecuencias, outro punto de atención ao público e un compromiso de puntualidade para que o día a día dos usuarios e usuarias non se vexa alterado.
Posto que as actuais obrigas de servizo público establecéronse en 2017 –relación modificada despois– e son prestadas mediante un contrato entre a Administración Xeral do Estado e a Sociedade Mercantil Estatal Renfe Viaxeiros cun aumento na achega de fondos públicos directos –aprobación dos abonos e títulos multiviaxe gratuítos de Renfe para servizos de MD e de proximidade e a gratuidade total de outros como Avant ou alta velocidade– os socialistas consideran necesario que a calidade do mesmo mellore.
Os actuais servizos ferroviarios que unen as cidades galegas do eixo atlántico e Ourense son, en liñas xerais, rápidos e eficientes. Pero o PSdeG-PSOE considera que hai marxe de mellora para os problemas que manifestan as asociacións e plataformas de usuarios e usuarias das liñas sobre os retrasos considerables que afectan ás súas vidas e a falta de adaptación ás necesidades reais dos e das que empregan este medio de transporte dun xeito recorrente.
“Tamén cremos relevante incrementar as frecuencias dalgúns servizos de Media Distancia convencional en Galicia, garantindo así que os usuarios e usuarias habituais poidan desprazarse de maneira rápida e eficiente por toda a rexión e non só polas cidades conectadas mediante alta velocidade”, explica Natalia González Benéitez, voceira do grupo municipal e secretaria xeral da formación en Ourense.
Neste senso, tamén sería interesante atrasar ás 06:30 horas o Avant que sae da Coruña sentido Ourense ás 05:55 horas e ás 15:30 horas o que sae da Coruña cara Ourense ás 15:10 horas, co fin de poder ofrecer un servizo máis eficiente aos usuarios e usuarias desprazados a centros de traballo ou estudo.
Desde o PSdeG-PSOE sinalan que son conscientes das actuais limitacións de material rodante, dos problemas de falta de persoal –xa en vías de solución– ou das actuacións e obras a desenvolver proximamente por parte do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias que limitarán a prestación dos servizos. Pero que, en todo caso, “os e as traballadoras e os e as estudantes non poden verse perxudicados por isto”, puntualiza a voceira.
O obxectivo da moción presentada no último pleno desta lexislatura é a de incrementar os servizos madrugadores no Eixo Atlántico, reaxustar horarios nos servizos entre Ourense e A Coruña ou aumentar as relacións directas de Media Distancia entre Ourense, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Vigo. Tamén a creación dun plan de puntualidade e o aumento dos puntos de venda e atención presencial en Ourense (un máis), xa que, na actualidade, só existen dúas xanelas nesta estación que aumentou a súa demanda considerablemente nos últimos anos, tras sumar 1,8 millóns de viaxeiros e viaxeiras durante 2022.