O Psoe pedirá que se amplien os hortos urbanos actuais
Tamén se reclama ao executivo local que se inclúan estes novos espazos nas políticas e programas de educación ambiental do Concello de Ourense, colaborando con colexios, institutos e centros de formación profesional.
O grupo municipal socialista presentara, no vindeiro pleno ordinario do mes de setembro, unha moción para a creación e xestión de novos hortos urbanos que amplíen os espazos verdes da cidade de Ourense e, á súa vez, poidan empregarse como recursos educativos e lugares de intercambio de coñecementos. “Nos últimos anos aumentou o anhelo profundo por conectar máis estreitamente coa natureza, levar un estilo de vida máis saudable e contribuír activamente a unha contorna máis sostible. Os hortos urbanos non só permiten á cidadanía cultivar alimentos frescos e locais, senón que tamén fomentan a cohesión social”, sinala a edil do PSdeG Alba Iglesias.
Para elo, o texto rexistrado pide, entre os seus puntos de acordo, que se indentifiquen terreos municipais infrautilizados ou abandonados que sexan adecuados para a creación de hortos urbanos, priorizando aquelas zonas con menos acceso a espazos verdes e maiores necesidades sociais. Así como ofrecer formación e apoio técnico do Concello aos usuarios e usuarias destes espazos, en colaboración con organizacións ambientais, promovendo a agricultura ecolóxica, a economía circular e empregando técnicas como a rotación e a selección de sementes.
Precisamente para contribuir a ese impulso da mellora da calidade do aire, outro dos puntos de acordo da moción solicita que dende o goberno municipal se garanta que os hortos teñan un acceso que priorice medios de transporte sustentable (como as bicicletas, os autobuses ou o transporte público en xeral) co obxectivo de reducir a dependencia do coche. Tamén que se inclúan estes novos espazos nas políticas e programas de educación ambiental do Concello, colaborando con colexios, institutos e centros de formación profesional.
“É crucial que estes hortos sexan ecolóxicos, evitando o uso de insecticidas e herbicidas, especialmente nos que se atopen preto do río, para previr a contaminación da auga e a contorna”, remata puntualizando Alba Iglesias.