A nova comisión executiva municipal dos socialistas da cidade de Ourense celebrou esta mañá a súa primeira reunión executiva na sede do PSdeG-PSOE afrontando este novo comezo con unidade e ilusión. A secretaria xeral da executiva, Natalia González Beneitez, salientou que “afronta esta nova etapa con ilusión, unidade e moito traballo por diante”. E aproveitou para destacar que dende hoxe comezan a traballar para devolver a “normalidade ao partido” e para ter unha actividade onde a militancia terá un papel fundamental.
A CEM aprobou o seu plan de traballo onde a participación será a clave na forma de traballar da Agrupación Socialista de Ourense: Tanto coa creación de grupos de traballo en tódalas secretarías; como coa creación dunha secretaría que fomente ao máximo as accións de participación coa cidadanía. Así mesmo aprobaron o calendario de actos para o vindeiro trimestre onde se incluirá a participación en actos sinalados como o día da república, o 1 de maio e o día das letras galegas.
O modelo de partido que reivindican é o que aposta pola participación da militancia. O que aposta por que as mulleres e a xente moza teñan un papel esencial dentro e fóra do partido, e cun obxectivo claro: conformar os mellores equipos posibles para ser cribles dentro e fóra, e poder así ser útiles aos nosos veciños e veciñas porque os problemas importantes están na rúa.
Chamamento á paz de Ucraína
A Comisión executiva municipal considera como valores básicos para a cidadanía a paz e a cooperación internacional polo que aproban e solicitan un chamamento á solidariedade co pobo de Ucraína.