O Psoe insta a Xunta a manter o compromiso de "ecobarrio" na cidade de Ourense
Critican que o PP “vendeu a bombo e platillo un proxecto que acabou gardado nun caixón e que representa unha nova afronta e incumprimento coa cidade e a veciñanza de Ourense”
O PSdeG-PSOE de Ourense insta á Xunta de Galicia a que manteña o “compromiso” co proxecto Ecobarrio na cidade de Ourense e a que reactive todos os proxectos e investimentos pendentes de maneira “urxente”, comprometendo nos próximos orzamentos autonómicos anuais a contía “necesaria” para a súa execución “completa e definitiva”. Os socialistas tamén lle piden ao goberno galego a que se proceda á apertura “inmediata” e posta en marcha da oficina do Ecobarrio no barrio da Ponte, a través dunha moción no próximo pleno do Concello de Ourense e dunha proposición non de lei no Parlamento de Galicia.
O 19 de marzo cumpríronse 4 anos da presentación a “bombo e platillo” feita polo Partido Popular do proxecto Ecobarrio, na que participaron Feijóo, Baltar, Jesús Vázquez ou Miguel Arias Cañete, entre outros. O investimento estimado no proxecto, segundo anunciaron os representantes do PP, sería de 20 millóns de euros, coa creación de 300 postos de traballo e anunciaban que en 2020 xa estaría implantada e funcionando a oficina do Ecobarrio no barrio da Ponte. A realidade a día de hoxe é tal e como afirman os socialistas “ temos unha oficina pechada a cal e canto e un proxecto do que non se sabe nada, que quedou gardado no caixón e que representa unha nova afronta e incumprimento do PP coa cidade e a veciñanza de Ourense”.
Tal e como apuntan dende o PSdeG-PSOE de Ourense dos 20 millóns de euros anunciados pola Xunta de Galicia, “só un 5% foron executados en 4 anos, concretamente 695.856 euros, polo que consideramos que o compromiso e o grao de execución do goberno presidido por Feijóo é mínimo”. Os socialistas poñen como exemplo dos “incumprimentos” a oficina do ecobarrio que “leva pechada sen explicacións de ningún tipo máis de dous anos dende o remate das obras de acondicionamento do local e só estaba previsto inicialmente que estivera aberta ata finais do 2021”.
A concelleira do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González Beneitez, sinala que “descoñecemos o cronograma de actuacións que a Xunta, a través do INEGA, pretende levar a cabo no que resta de anos e nos vindeiros”. A edil socialista tamén lembra que en abril de 2021, o Grupo Municipal Socialista preguntou polo proxecto en xunta de área de urbanismo e o goberno municipal “confirmou a creación dun grupo de traballo técnico para avanzar co proxecto e que o prego estaba avanzado e se sacaría a concurso o antes posible, pero dende entón nada máis se soubo”.
González Beneitez denuncia que o “único activo ecolóxico e a prol do medio ambiente que Feijóo trouxo a esta cidade e o barrio da Ponte foi esa estación de autobuses que convirte a rúa Eulogio Gómez Franqueira na máis contaminada do país”. Tamén manifesta que esta situación “é un agravio tremendo a esta cidade que non podemos deixar de denunciar pois o compromiso de Feijóo e do PP foi sempre nulo con Ourense”.
Pola súa banda, a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, apunta a que “imos a insistir en sede parlamentaria para que este proxecto se leve a cabo e que Feijóo e o PP cumpran o pactado con Ourense e co barrio da Ponte”. Neste senso, a parlamentaria socialista por Ourense anunciou que presentarán varias preguntas para o seu debate en comisión e resposta escrita sobre o proxecto do Ecobarrio e sinalou tamén que “presentamos unha proposición non de lei para que o goberno galego manteña o seu compromiso e proceda a apertura da oficina”.
Rodríguez Dacosta sinala que “novamente nos atopamos ante un desleixo de Feijóo cara Ourense” e critica que o proxecto do Ecobarrio “foi botado ao lixo, posto que catro anos despois dos anuncios e as fotografías a realidade é que Feijóo e o PP estanse a rir outra vez de Ourense”. A parlamentaria socialista subliña que “non se pode xogar máis con esta cidade, prometendo proxectos de 20 millóns de euros e a creación de 300 postos de traballo, e despois non levar todo isto a práctica”.