O Psoe impulsa que se lle conceda a medalla de ouro da cidade o Liceo
José Rúas afirma que “estamos ante un dos templos da cultura da cidade de Ourense” e sinala que “é unha das sociedades máis antigas de Galicia e España pola que pasaron numerosos artistas de renome”
O PSdeG-PSOE de Ourense presenta unha moción, na que insta a corporación municipal a conceder a Medalla de Ouro da Cidade ao Liceo de Ourense, en recoñecemento pola súa traxectoria “histórica” a prol da cultura e a sociedade. Os e as socialistas argumentan que esta entidade cultural e de ocio, con 172 anos de antigüidade, desenvolve unha labor “moi importante” neste ámbito, acollendo a distintas asociacións que non teñen un lugar axeitado para desenvolver a súa actividade e tamén celebrando unha media anual de 350 actos culturais ou conmemorativos da sociedade provincial.
Dende o Grupo Municipal Socialista tamén destacan que polas instalacións do Liceo de Ourense pasan anualmente “máis de 50.000 persoas” e subliñan que toda esta serie de actividades culturais que se celebran, na meirande parte dos casos de maneira aberta e libre, “contan coa xenerosidade dos socios do Liceo, que séntense orgullosos de contribuír a que esta entidade sexa referente cultural e social da cidade”. Os e as socialistas tamén apuntan a que este “espírito e acervo cultural, que forma e seguirá formando parte do acontecer diario do Liceo, convérteo nun dos pilares da actividade cultural da cidade e provincia de Ourense”.
O concelleiro do PSdeG-PSOE de Ourense, José Rúas Araújo, sinala que “estamos ante unha sociedade das máis antigas de Galicia e España e que ten o seu antecedente no famoso Liceo francés” e apunta que “atopámonos cunha sociedade senlleira, que move a cultura e numerosas presentacións e con 172 anos de antigüidade”. O edil socialista tamén afirma que “creemos que por toda esta historia e labor, o Liceo de Ourense merece a concesión da Medalla de Ouro da Cidade de Ourense”.
Rúas tamén aproveita para lembrar que no Liceo “hai coleccións de importantes artistas como Piñeiro, Jesús Soria, Virxilio, Arturo Baltar, Huete, Xaime Quesada, Acisclo Manzano, Buciños, Prego de Oliver, Xabier Pousa ou Parada Justel”. O concelleiro socialista apunta a que no Liceo “presentaron as súas obras famosos intelectuais dos séculos XIX e XX como Curros Enríquez, Pardo Bazán ou Vicente Risco e desfilaron autores de referencia como Manolo Rivas, Suso de Toro e un montón de artistas de renome, ademais de dar concertos os mestres Rodrigo ou Albéniz”. Por último, afirma que “estamos ante un dos templos da cultura da cidade de Ourense”.
Pola súa banda, o voceiro do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, sinala que “o recoñecemento que propomos ao Liceo, no seo da próxima sesión plenaria, é un recoñecemento, non só a cultura, senón a que estamos ante o propio cerne da cidade de Ourense”. O secretario provincial dos socialistas ourensáns apunta a que “se trata dun punto de encontro, que leva acollendo ao longo da súa historia numerosas actividades”. Tamén destaca que no Liceo de Ourense “é posible ter actividade cultural, a pesar do peche da UPO, onde se presta atención a toda a cidadanía que quere en algún momento facer valer as súas verbas e ter voz nesta cidade”.
Villarino subliña que o cerne da cultura “é hoxe o Liceo de Ourense, e tamén é o cerne dos encontros políticos, pero non é a elite que alguén podería pensar noutros momentos, senón que é un lugar ao alcance de todo o mundo, onde hai persoas que veñen a estudar ou a encontrarse con coñecidos”. Por último, o voceiro socialista afirma que “recoñecer o valor do Liceo é algo obrigado e o que o PSOE fará o venres é renderlle o recoñecemento a todos estes anos e a labor que ten na actualidade”.