Ourense Cidade

O Psoe esíxelle a Xunta "feitos" para a reforma do CEIP Manuel Luis Acuña

Carmen R. Dacosta sinala que Educación “non está á altura” ao negarse a tomar medidas mentres o centro dexeneraba nunha situación estrutural “case catastrófica”.

Onda Cero Ourense

Ourense |

O Psoe esíxelle a Xunta "feitos" para a reforma do CEIP Manuel Luis Acuña | Onda Cero Ourense

A responsable socialista denunciou o desleixo do goberno galego, que nin sequera reforzou o mantemento ordinario do centro, que se agravou ata afectar á seguridade, á saúde e ao benestar emocional de nenos e nenas moi novos. Dacosta defendeu no Parlamento as demandas da comunidade educativa do centro, avalada por máis de 600 sinaturas de veciños e veciñas que presentan un relatorio de “feitos graves” para os usuarios do centro.

Trátase, dixo, de aulas pechadas pola entrada de auga, filtracións recorrentes dende a cuberta, problemas graves na instalación eléctrica, un sistema de calefacción deficiente que obriga ao alumnado a ficar nas aulas cos abrigos postos, baños en estado deficiente e falla das condicións mínimas de seguridade.

Criticou que o goberno galego atendeu estas peticións en 2023, pero “optando polo anuncio en lugar da execución”, xa que malia que comprometeran que en 2024 licitarían a reforma integral do inmoble, a realidade é que en 2026 responderon con “inacción”. Lembra que as únicas reparacións provisionais foron realizadas por iniciativa do Concello ou mesmo do claustro de profesores, que chegou a pintar o patio e mellorar os espazos comúns cos seus propios recursos.

A parlamentaria socialista esixiulle á Consellería de Educación que atenda a esta “demanda xusta da comunidade educativa” e ofreza unha data de licitación da reforma integral do centro, con partida orzamentaria concreta que libere fondos para unha actuación que, apuntou, “non é unha opción, é unha obriga” coa comunidade educativa deste centro público.