O Psoe esíxelle o bigoberno da cidade "dialogo"
O Psoe acusa a populares e a Democracia Ourensana de pretender aprobar unha proposta “totalmente pechada”, sen dar opción a facer “achegas” e sen aportar a documentación pertinente.
O PSdeG-PSOE de Ourense esíxelle ao bigoberno do PP e Jácome “diálogo” e que escoiten as propostas da oposición para poder chegar a acordos con respecto a modificación de crédito de 45 millóns que pretenden aprobar no pleno do venres. Os socialistas acusan ao rexedor e os seus socios do Partido Popular de pretender aprobar unha proposta “totalmente pechada”, sen dar opción ao “diálogo”, sen permitir “achegas” e na que aínda non aportaron ningún tipo de documentación aos grupos da oposición.
non é o xeito de traballar
Dende o Grupo Municipal Socialista critican que o alcalde, Pérez Jácome, pretenda aprobar un tema tan “relevante” como unha modificación de crédito de 45 millóns, sen permitir ningunha “achega” e sen facilitar a documentación pertinente en “tempo e forma”. Os socialistas consideran que o rexedor opta por seguir o mesmo “modus operandi” da última modificación de crédito, na que o xulgado contencioso-administrativo deulles a razón aos e ás socialistas, xa que non se fixo exposición ao público.
Para o voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense no Concello, Rafael Rodríguez Villarino, esta forma de actuar “non é o xeito de traballar” e lémbralles que “un goberno en minoría, que pretende aprobar así unha modificación de crédito deste calado, o que debería é sentarse a falar e non tratar unha vez máis de impoñer”. O secretario provincial dos socialistas ourensáns considera que un goberno municipal “non pode gobernar a orde de mando, senón falando” e critica o anuncio de Jácome de que “senón saca adiante a modificación orzamentaria, someterase a unha nova cuestión de confianza o 13 de xuño”. Neste senso tamén apunta que o “Partido Popular cala e asinte estas actuacións e declaracións do alcalde”.
Os socialistas tamén relatan que na parte de infraestruturas, que se leva o 60% da modificación de crédito, “bótanse en falta cuestións que non están en concordancia co PMUS, aprobado por maioría no seu día, xa que as obras que teñen que ver co PMUS, como por exemplo as que afectan ao casco vello da cidade están totalmente ausentes, polo que non hai ningunha acción prevista neste ámbito”.
todo se vai a dedicar a orquestras
Un 2,7 % da modificación orzamentaria destinase a servizos sociais, unha contía que para os socialistas “é minúscula” e que tal e como apuntan “as ONGS e asociacións que colaboran e traballan nesta materia, non levan ningunha axuda”. Dende o PSdeG-PSOE de Ourense tamén critican a ausencia de partidas destinadas á cultura, xa que segundo explican “non figura por ningún sitio, máis aló dos festexos, onde parece que todo se vai a dedicar a orquestras”. As partidas de termalismo e educación supoñen un 1% respectivamente do total da modificación de crédito, “unha cantidade irrisoria e que non aporta nada a áreas que son totalmente estratéxicas na nosa cidade”.