O Psoe esixe unha programación de eventos para o verán
Os socialistas acusan ao PP de deixar de novo a cultura “en mans de quen se dedica a mercantilizala e destruíla” e pregúntanse cal vai ser a posición dos populares agora que veñen de reeditar o bigoberno
O PSdeG-PSOE esixe que o Concello de Ourense poña en marcha unha programación de verán para todas as idades “á altura da terceira cidade de Galicia”, co fin de evitar que Ourense se converta nun “deserto cultural” durante os meses estivais por culpa do desleixo e incapacidade do microgoberno de Jácome e a complicidade do Partido Popular.
“Chegados xa ao verán, non podemos entender como todas as cidades galegas recuperaron a súa actividade cultural, adaptando as programacións á nova normalidade, mentres a cidade de Ourense non está nin se lle agarda”, destacan dende o grupo municipal socialista, ao tempo que lamentan que “o único espectáculo é o do goberno de Jácome e quen o apoia para que siga desgobernando”.
Así as cousas, os socialistas instan ao executivo local a “habilitar axiña os recursos necesarios para pór en marcha a programación cultural de calidade que merece a cidade, co obxectivo de que nenos e maiores non teñan que fuxir de Ourense para encher os seus ocos de ocio e lecer”. “Aínda estamos a tempo”, apostilan.
Do contrario, os socialistas anticipan un “éxodo cultural” a outras localidades e urbes da xeografía galega ante a “ausencia total” de eventos na cidade por mor da política culturicida do alcalde e dos seus acólitos. “En Santiago de Compostela celebráronse as Festas Patronais da Asunción e este verán terá lugar o Festival do Son do Camiño e en Lugo vén de festexarse o Arde Lucus”, salientan. “Ademais, en localidades próximas a Ourense tamén recuperaron xa as súas festas, como é o caso de Ribadavia, onde tivo lugar a Feira do Viño do Ribeiro; ou no Carballiño, onde tiveron a verbena piloto da Xunta de Galicia e proximamente será o Festival Ourenrock”, exemplifican.
O PP, a madrasta da cidade
Deste xeito, solicitan que o Concello dea cumprimento dos acordos plenarios, nomeadamente no relativo á moción que os socialistas presentaron no mes de xuño para dotar a cidade de Ourense dun plan urxente de investimento cultural para o vindeiro e último semestre do ano 2021, unha iniciativa que contou co voto a favor de toda a corporación excepto do grupo de goberno.
A este respecto, os socialistas pregúntanse cal vai ser a posición do PP agora que veñen de reeditar o bigoberno, ao tempo que acusan aos populares de deixar de novo a cultura “en mans de quen se dedica a mercantilizala e destruíla”.
“Se Jácome di que Ourense é a cincenta de Galicia, coa cultura o PP parece que actúa como a súa madrasta”, sinalan dende o grupo municipal socialista, ao tempo que manifestan que “agora veremos cal é a posición do PP e ata que punto lle interesa a cidade ou unicamente o seu peto”.